Na segunda
sesión coa profesora Ana Fontenla centrámonos na comprensión
escrita na lingua estranxeira. Para facernos entender, xa de
primeiras, o que acontece cos adolescentes, Ana pediunos que
fixésemos a actividade do "Three minute test", na que
caímos case todas/os. Con esta actividade vemos que non só nos
atoparemos coas posibles dificultades que o alumnado poida ter para
comprender verdadeiramente o que se lle expón (o texto escrito),
senón que tamén hai que ter en conta que por moito que nos
esforcemos non van facer as cousas coma nós queremos polo que sempre
hai que deixar ben claro (na medida que nos sexa posible) o que
queremos deles. Non se trata de que comprendan todo o texto co que
van ter que traballar pero si que é importante tentar facer que
comprendan o que se lles pide que fagan con el. Unha vez máis, teñen
que aprender a aprender, é dicir, desenvolver as súas propias
estratexias para enfrentarse e comprender un texto escrito mesmo
cando non entenden todo o vocabulario que este contén.
Ao igual que
para a comprensión oral, hai unha gran variedade de textos que se
poden empregar coma input para a comprensión e produción escrita.
Ao igual tamén que coas actividades de listening, debemos realizar
actividades de prelectura, lecturas principais e postlectura. A
primeira delas serve para por ao alumnado en contexto, non ten que
ser moi difícil e canto máis breve e concisa mellor. Funcionaría
de xeito similar ao que fixemos na primeira sesión con Ana e o sobre os text-messages. Podemos darlles, por exemplo, o
título do texto que van ler ou unha foto que o acompañe e así ir
sonsacándolles vocabulario e opinións sobre o contexto no que
pensan que se enmarcará o texto. Na primeira lectura tampouco se
lles debe esixir facer unha actividade de gran dificultade que as/os
poida desanimar para seguir traballando co texto. Sería unha lectura
inicial para, por exemplo, comentar se acertaran no tema do texto e
se nel se narra o que predeciran anteriormente. Nas seguintes
lecturas si que se lles pode ir esixindo un pouquiño máis, facendo
xa actividades máis elaboradas e que xa avalíen máis directamente
a comprensión dos contidos do texto. As actividades de postlectura,
como acontecía coas de postlistening poden ser moi variadas ou mesmo
servir como tarefa para facer na casa. Unha típica sería a
elaboración dun pequeno comentario do texto coa opinión persoal
da/o alumna/o.
Outras
actividades coas que se traballa a comprensión escrita poden ser
ordenar un texto, escoller un título para o texto, completar un
texto con oracións que se lle extraeron, xuntar todas as palabras
dun texto e pedirlles que as volvan separar, escoller dunha serie de
historias cal pode ser certa e cal non (como a dos deportes), etc.
Para a corrección da súa produción escrita tamén axuda analizar
algún texto (por exemplo un producido por algunha/algún das/os
compañeiras/os ou alumna/o do mesmo nivel educativo) e corrixilo,
non só os erros gramaticais que poida ter senón certas formas de
melloralo a través da variación do vocabulario ou o fomento do uso
doutros conectores distintos. Unha vez máis debemos recordar que, no que
se refire á comprensión escrita, como acontece coa oral, non
necesitan entender "every single word on the paper". Como
vimos co texto supostamente escrito con palabras en "cockney",
fomos capaces de realizar a actividade que se nos pedía sen entender
unhas dez palabras de cada fragmento. As estruturas gramaticais e o
contexto lingüístico e semántico axudan moito tamén á hora de
comprender un texto. Ademais, hai que ter en conta o feito de que que non
entendan certos termos non implica que os teñamos que avaliar
negativamente ou asumir que non teñen certo nivel. Se a pesares de
non entender estas palabras son capaces de solucionar e completar a
actividade que se lles pide quere dicir que teñen a capacidade de
"comprender o texto", e isto é o que nos interesa.
Finalmente,
debemos recordar tamén a utilidade que ten a lectura para o fomento
das competencias social e cívica e de conciencia e expresión
cultural. As actividades de comprensión escrita poden ser moi
beneficiosas para o traballo con temas de actualidade, temas éticos
e culturais, e a adquisición de moitos novos coñecementos
transversais.
Alégrame ver que asimilas todo con absoluta claridade. Acórdate do último que comentas, a oportunidade que temos de tratar temas de concienciación usando o inglés como vehículo.
ResponderEliminar