lunes, 30 de enero de 2017

COMPRENSIÓN ESCRITA (26/01/2017)

Na segunda sesión coa profesora Ana Fontenla centrámonos na comprensión escrita na lingua estranxeira. Para facernos entender, xa de primeiras, o que acontece cos adolescentes, Ana pediunos que fixésemos a actividade do "Three minute test", na que caímos case todas/os. Con esta actividade vemos que non só nos atoparemos coas posibles dificultades que o alumnado poida ter para comprender verdadeiramente o que se lle expón (o texto escrito), senón que tamén hai que ter en conta que por moito que nos esforcemos non van facer as cousas coma nós queremos polo que sempre hai que deixar ben claro (na medida que nos sexa posible) o que queremos deles. Non se trata de que comprendan todo o texto co que van ter que traballar pero si que é importante tentar facer que comprendan o que se lles pide que fagan con el. Unha vez máis, teñen que aprender a aprender, é dicir, desenvolver as súas propias estratexias para enfrentarse e comprender un texto escrito mesmo cando non entenden todo o vocabulario que este contén.

Ao igual que para a comprensión oral, hai unha gran variedade de textos que se poden empregar coma input para a comprensión e produción escrita. Ao igual tamén que coas actividades de listening, debemos realizar actividades de prelectura, lecturas principais e postlectura. A primeira delas serve para por ao alumnado en contexto, non ten que ser moi difícil e canto máis breve e concisa mellor. Funcionaría de xeito similar ao que fixemos na primeira sesión con Ana e o sobre os text-messages. Podemos darlles, por exemplo, o título do texto que van ler ou unha foto que o acompañe e así ir sonsacándolles vocabulario e opinións sobre o contexto no que pensan que se enmarcará o texto. Na primeira lectura tampouco se lles debe esixir facer unha actividade de gran dificultade que as/os poida desanimar para seguir traballando co texto. Sería unha lectura inicial para, por exemplo, comentar se acertaran no tema do texto e se nel se narra o que predeciran anteriormente. Nas seguintes lecturas si que se lles pode ir esixindo un pouquiño máis, facendo xa actividades máis elaboradas e que xa avalíen máis directamente a comprensión dos contidos do texto. As actividades de postlectura, como acontecía coas de postlistening poden ser moi variadas ou mesmo servir como tarefa para facer na casa. Unha típica sería a elaboración dun pequeno comentario do texto coa opinión persoal da/o alumna/o.

Outras actividades coas que se traballa a comprensión escrita poden ser ordenar un texto, escoller un título para o texto, completar un texto con oracións que se lle extraeron, xuntar todas as palabras dun texto e pedirlles que as volvan separar, escoller dunha serie de historias cal pode ser certa e cal non (como a dos deportes), etc. Para a corrección da súa produción escrita tamén axuda analizar algún texto (por exemplo un producido por algunha/algún das/os compañeiras/os ou alumna/o do mesmo nivel educativo) e corrixilo, non só os erros gramaticais que poida ter senón certas formas de melloralo a través da variación do vocabulario ou o fomento do uso doutros conectores distintos. Unha vez máis debemos recordar que, no que se refire á comprensión escrita, como acontece coa oral, non necesitan entender "every single word on the paper". Como vimos co texto supostamente escrito con palabras en "cockney", fomos capaces de realizar a actividade que se nos pedía sen entender unhas dez palabras de cada fragmento. As estruturas gramaticais e o contexto lingüístico e semántico axudan moito tamén á hora de comprender un texto. Ademais, hai que ter en conta o feito de que que non entendan certos termos non implica que os teñamos que avaliar negativamente ou asumir que non teñen certo nivel. Se a pesares de non entender estas palabras son capaces de solucionar e completar a actividade que se lles pide quere dicir que teñen a capacidade de "comprender o texto", e isto é o que nos interesa.

Finalmente, debemos recordar tamén a utilidade que ten a lectura para o fomento das competencias social e cívica e de conciencia e expresión cultural. As actividades de comprensión escrita poden ser moi beneficiosas para o traballo con temas de actualidade, temas éticos e culturais, e a adquisición de moitos novos coñecementos transversais.

1 comentario:

  1. Alégrame ver que asimilas todo con absoluta claridade. Acórdate do último que comentas, a oportunidade que temos de tratar temas de concienciación usando o inglés como vehículo.

    ResponderEliminar