TEMA 1: O MARCO COMÚN EUROPEO DE REFERENCIA PARA AS LINGUAS. OBXECTIVOS, MÉTODOS E PRIORIDADES DA POLÍTICA LINGÜÍSTICA EUROPEA.
O primeiro tema da materia As Linguas
Estranxeiras no Contexto Español e Internacional do Mestrado
Universitario para a Formación do Profesorado foi impartida polo
profesor Eduardo Varela e centrouse nunha análise do MCER (Marco
Común Europeo de Referencia para as Linguas), tendo en conta os
métodos, obxectivos e prioridades da política lingüística
europea. Para isto tivéronse en conta e discutíronse os documentos
fundamentais a nivel europeo sobre o ensino de linguas estranxeiras
dende a publicación do MCER ata o día de hoxe.
A importancia da comunicación entre os
países que conforman a Unión Europea atópase no centro das razóns
que levaron á creación do MCER. A potenciación do plurilingüismo
no contexto europeo levou á elaboración deste documento que recolle
medidas e recomendacións que axuden ao apoio e fomenten o
coñecemento comunicativo da cidadanía da Unión Europea coma un
novo medio de integración europea. As razóns que pretenden motivar
este multilingüismo na UE son a maior interconexión entre os
estados membros tanto no ámbito económico (a moeda única, o
mercado laboral) coma no social (a maior conexión xeográfica entre
os países da nosa contorna debido a liberdade de movemento de
persoas).
Por unha banda, a proposta do marco é
positiva pois busca unha maior conexión, integración e afianzamento
entre os estados membros da Unión Europea, algo moi importante pois
é unha medida máis que busca eliminar as divisións tan grandes que
existían no pasado nesta rexión (e que, en moitos casos aínda
están a existir). O problema é que tamén pode resultar prexudicial
para aquelas linguas consideradas minoritarias e máis aínda para as
minorizadas.
O MCER establece os distintos
obxectivos a cumprir nos países da nosa comunidade para alcanzar a
integración europea a nivel lingüístico. O marco establece os
métodos a empregar máis non un método específico para as linguas,
aínda que podemos entender que defende o comunicativo. O MCER fai
unha división en seis niveis distintos para o dominio de lingas
estranxeiras que vai dende o A1 ata o C2: A1 (acceso), A2
(plataforma), B1 (umbral), B2 (avanzado), C1 (dominio operativo
eficaz) e o C2 (mestría). O marco é complementado polo Portfolio
Europeo de Linguas.
Resulta evidente que existen diversas
motivacións que levan á aprendizaxe/ensino de linguas estranxeiras,
a maior parte delas sendo de orixe económica e social. Existen
linguas de interese ou proxección europea, pois resultan de maior
utilidade neste contexto, e outra a nivel global que xa non teñen
unha orixe europea. No caso de España, as linguas máis estudadas ou
de maior interese para a nosa cidadanía son o inglés, o francés, o
alemán e o portugués.
O seguinte punto a tratar neste tema
foi a situación das linguas, tanto nacionais e supranacionais coma
maioritarias ou minoritarias e minorizadas, como influíu o proceso
de globalización e de creación da Unión Europea nelas, que supoñen
estas para os procesos de integración cultural e que debemos ter en
conta en referencia a estas nas nosas aulas. Tamén é moi importante
a influencia que os intereses políticos exercen sobre o uso das
linguas e o dominio dunhas sobre outras tanto no pasado como na
actualidade, sobre todo tendo en conta as desigualdades sociais,
culturais e económicas que isto creou e crea. O marco supostamente
pretendería solucionar esta situación aínda que isto resulta
bastante controversial xa que paradoxicamente tamén contribúe a
potenciación ou incremento destas desigualdades.
Ademais, discutiuse de que xeito ou que
aspectos debe dominar un individuo para que se considere ou avalía o
seu nivel de coñecemento dunha lingua, e os beneficios a nivel
persoal que a aprendizaxe dunha lingua estranxeira pode supor. Tamén
foi analizado o proceso de ensinanza-aprendizaxe das linguas
estranxeiras e a consecuente diversificación lingüística que isto
supón para o currículo educativo dos países da Unión Europea.
Finalmente, como gran consecuencia beneficiosa da potenciación do
plurilingüismo en Europa temos a alta conexión social que se está
a producir entre os países da nosa contorna, sobre todo no referente
ao ámbito educativo, sendo esta conexión máis grande cando máis
alto é o nivel educativo no que nos atopamos (como exemplifican os
programas educativos de intercambio coma o famoso Erasmus).
TEMA 2: O ENSINO DE LINGUAS NO PRESENTE
MODELO EDUCATIVO, NACIONAL E AUTONÓMICO. VISIÓN PANORÁMICA DO
ENSINO DE LINGUAS EN ESPAÑA E EN GALICIA TANTO DESDE A PERSPECTIVA
DA EDUCACÓN OBRIGATORIA, POS-OBRIGATORIA OU DE RÉXIME ESPECIAL.
A segunda unidade do módulo As Linguas
Estranxeiras no Contexto Español e Internacional, que tamén foi
impartida polo profesor Eduardo Varela, tivo coma obxectivo central o
ensino de linguas estranxeiras no contexto nacional e galego en todos
os niveis educativos, tanto de réxime obrigatorio como
pos-obrigatorio ou especial. Primeiro, recapitulando o comentado na
unidade anterior que se centrara principalmente nas consecuencias a
nivel europeo do establecemento do Marco Común Europeo para as
Linguas (2001) e o Pasaporte Europeo de Lenguas (2004), puxemos o
tema en contexto dende unha perspectiva externa analizando unha vez
máis como influíu e inflúe a creación do MCER na política
educativa española en materia de linguas estranxeiras, é dicir,
como se uniu España á potenciación do multilingüismo como aposta
pola interconexión cultural ou estado de multiculturalismo que se
busca crear na Unión Europea.
Polo tanto, os conceptos clave polos
que avoga o MCER son as competencias, o multilingüismo, o
plurilingüismo e o pluriculturalismo. No referente aos niveis de
lingua, as competencias comunicativas e lingüísticas que se
perseguen son o saber, o saber facer, o saber estar e o saber ser en
todas as linguas e sociedades europeas e en todos os contextos
sociais, niveis de complexidade, ámbitos de acción e con
independencia do sexo, raza, cultura ou relixión para a creación do
mellor mundo posible.
O seguinte punto ao que pasamos neste
tema foi o problema do nivel a acadar na lingua meta no contexto
particular de España. En relación a isto, que é o problema máis
evidente ao que nos enfrontamos, débese facer unha reflexión
inicial sobre os resultados insatisfactorios que teñen que ver co
número de horas de clase. Algunhas das preguntas a ter en conta
deberían estar relacionadas cos obxectivos da UE e se estes son
verdadeiramente realistas; se a resposta do sistema educativo español
foi a adecuada para adaptarse a estes; o posible conflito de
intereses no noso territorio entre as linguas oficiais e as
estranxeiras; a posibilidade de innovar, completar e corrixir cousas
na impartición das aulas; os contidos a avaliar e a metodoloxía a
seguir para tal fin tanto no contexto educativo coma no profesional e
económico; e que linguas se deberían potenciar e, unha vez máis,
coma evitar o conflito de intereses entre as nacionais e as
estranxeiras.
Aparte de todos estes factores existen
outros de carácter externo ao sistema educativo que teñen que ver
coa situación familiar, persoal e social dos individuos coma poden
ser o contexto persoal, a capacidade de aprendizaxe, o contexto
familiar, económico, social e cultural dos estudantes, ou mesmo o
seu xénero, idade, raza, orixe, relixión ou gustos e intereses. No
que se refire aos factores lingüísticos e educativos temos: o tipo
de lingua, o tipo de ensino, a obrigatoriedade da educación, a
gratuidade da educación, a localización do centro, a formación e
experiencia dos docentes, a metodoloxía educativa, a estrutura e
organización das clases, a avaliación, o bilingüismo e
multilingüismo, o acceso a actividades complementarias, a
posibilidade de mobilidade e os recursos tecnolóxicos, materiais e
humanos.
No que se refire ao contexto de
aprendizaxe formal han de terse en conta a programación, o número
de horas lectivas e non lectivas, a avaliación, os obxectivos, os
exames de nivel de competencia comunicativa, os aspectos a potenciar,
a división entre traballo en clase, traballo persoal e traballo en
liña, as competencias, as características docentes, os centros
educativos e os seus recursos para cumprir cos obxectivos internos e
externos, a acreditación externa de competencias lingüísticas,
etc.
A modo de resumo, concluímos esta
unidade do seguinte xeito. Primeiro, reforzamos a idea de que hai que
ter en conta a necesidade de cumprir con todas as competencias:
específicas de lingua, comunicativas, transversais e interactivas.
En segundo lugar, os resultados a ter en conta non deben ser so
educativos máis tamén no mundo laboral e da investigación e a
tecnoloxía. Finalmente, voltamos aos valores éticos e educativos
que pretende perseguir o MCER de tolerancia, respecto ás minorías e
outras culturas, integración, plurilingüismo e pluriculturalidade,
europeísmo e espírito emprendedor.
TEMA 3: OS NIVEIS DE REFERENCIA DE APRENDIZAXE DE LINGUAS E O DESENVOLVEMENTO DE COMPETENCIAS. DESCRICIÓN E ESTUDO EN DETALLE DAS COMPETENCIAS ESPECÍFICAS, TRANSVERSAIS E COMPLEMENTARIAS A DESENVOLVER NOS DISTINTOS NIVEIS DE APRENDIZAXE.
No terceiro tema da materia de As
Linguas Estranxeiras no Contexto Español e Internacional, derradeira
unidade impartida polo docente Eduardo Varela, centrámonos nos
niveis de referencia de aprendizaxe de linguas estranxeiras e no
desenvolvemento de competencias, describindo e estudando en detalle
as competencias específicas, transversais e complementarias a
desenvolver nos distintos niveis de aprendizaxe que existen segundo
marca o MCER, é dicir, dende o A1 (acceso), A2 (plataforma), B1
(umbral), B2 (avanzado), C1 (dominio operativo eficaz) ata o C2
(mestría).
Comezamos o temario cunha
recapitulación do visto nos dous temas anteriores, os cales
principalmente se centraran en proporcionar a información necesaria
para poder realizar a función docente no ensino de linguas
estranxeiras, sexa no contexto educativo que sexa coa maior
efectividade posible. Para isto os elementos a ter en conta eran: o
contexto físico, social, económico, educativo (no centro),
organizativo, legal, metodolóxico e de innovación; e as
perspectivas do centro educativo, da Xunta e do Goberno Estatal e da
Unión Europea. Este alto contexto competitivo tiña dúas vertentes:
a económica e tecnolóxica e a cultural e social. Os obxectivos de
ambas eran: a mobilidade, a calidade, a homoxeneidade, a acción e
carácter práctico dos estudos, o multilingüismo, o plurilingüismo,
as linguas minoritarias, a integración, os valores humanos, etc.
Agora o que toca é analizar os
elementos que nos permitan avaliar a efectividade dun curso. Entre
estes atopamos: o logro dos seus obxectivos, a integración e
harmonía entre o alumnado, a motivación e o progreso, os
coñecementos adquiridos e competencias perfeccionadas, os resultados
e obxectivos, as calificacións (e os métodos de calificación), e
outras actividades do tipo proxectos, estadías no estranxeiro ou
actividades culturais, así como a súa repercusión directa no
proceso de ensinanza-aprendizaxe. Os resultados obtidos da análise e
avaliación de todos este elementos son de axuda en tres niveis
distintos: dentro dos propios centros educativos, departamentos de
idiomas e cursos/materias; dende a perspectiva da avaliación externa
da Xunta, o Ministerio e o prestixio social e educativo do centro; e
as probas de nivel segundo o MCER.
No que se refire aos docentes e a
práctica docente falamos dos elementos que deberían conformar a
prioridade para estes: o uso da metodoloxía máis axeitada para cada
caso e contexto; completar a innovar sempre que supoña unha maior
efectividade da práctica docente; buscar un equilibrio entre a
potenciación de todas as destrezas lingüísticas; levar un ritmo
uniforme durante todo o curso; avaliar de forma obxectiva e
comprensiva; introducir a perspectiva multicultural na clase;
empregar as TIC e recursos en liña; e manter un espírito humanista
e práctico ao mesmo tempo.
Un punto importante que se tivo en
conta nesta unidade foi o da opinión pública, sobre todo de
empresas, sobre os obxectivos, niveis e esixencias que establece o
MCER para as linguas estranxeiras e a súa aplicabilidade e utilidade
ao entorno laboral. Tamén se comentou e discutiu sobre o mellor
xeito e estratexias para acadar o éxito nas probas oficiais de
acreditación de nivel de idioma, os obxectivos que existen e os
problemas que poderían xurdir.
Finalmente, enumeráronse algúns dos
puntos clave que se deberían ter en conta dende o punto de vista do
docente. Entre estes cabe destacar os que enumero a continuación
seguindo os apuntes que o profesor nos proporcionou na aula: contar
sempre cunha documentación actualizada; innovar metodoloxicamente
sempre que sexa posible e factible; estar sempre en posesión duns
coñecementos tanto dos contidos da materia como dos procedementos
"lexislativos" adecuados á situación; estar
familiarizada/o con programas a nivel nacional e internacional que
sexan relativos ou pertencentes ao campo da docencia de linguas
estranxeiras; participar e estar en contacto con asociacións e
círculos profesionais deste mesmo ámbito; e mostrar interese pola
innovación das TIC e polas iniciativas de tipo formal e non formal
que son relevantes para o ensino de linguas estranxeiras.
TEMA 4: O DESEÑO
CURRICULAR.
O tema número 4
da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e
Internacional, sesión impartida polo profesor Gonzalo Constenla,
centrouse na organización do deseño curricular no ámbito das
linguas estranxeiras. O deseño curricular é un aspecto do noso
sistema educativo que xa tiñamos tocado noutro módulo do mestrado.
Neste caso, como acabo de explicar, centrámonos na súa aplicación
ou organización para as linguas estranxeiras. En primeiro lugar
levamos a cabo unha pequena elaboración conxunta da definición de
deseño curricular e enumeramos os elementos que deberían compoñer
o currículo, é dicir, elementos como os contidos, competencias,
obxectivos, estándares de aprendizaxe avaliables, os criterios de
avaliación a metodoloxía didáctica. Ademais, descompuxemos as
principais competencias potenciadas normalmente polo currículo.
O seguinte punto
a tratar nesta sesión foron os graos de concreción curricular na
ESO e no Bacharelato. Isto é, comentamos que órgano administrativo
de entre os órganos que existen no noso país (os cales son
principalmente: o Goberno do Estado, o Ministerio de Educación, o
Goberno Autónomo e os centros docentes) se encarga de concretar as
diferentes competencias curriculares e de acordo con que lexislación.
A modo de resumo, poderíase dicir que canto máis pequeno é o nivel
de acción destes órganos, a súa influencia ou poder de cambio
sobre o sistema educativo establecido consiste basicamente en
complementar o currículo e axustar os horarios ao establecido dende
o Goberno de Estado e o Ministerio de Educación, quen pola súa
banda redactan e establecen os principais puntos a seguir no
referente a contidos, horas lectivas, estándares de aprendizaxe
avaliables e criterios de avaliación. Os centros docentes
complementarían aínda máis os contidos das materias troncais,
específicas e de libre configuración e terían total liberdade á
hora de escoller unha metodoloxía pedagóxica e didáctica propia.
Tamén poderían concretar aínda máis a carga didáctica de cada
materia. Rematamos este apartado botándolle unha ollada particular
organización curricular das linguas estranxeiras. A primeira, sendo
considerada troncal, ben marcada polo Goberno do Estado e Ministerio
de Educación. A segunda, sendo considerada específica, ten unha
maior liberdade de decisión para o Goberno Autonómico e centros
docentes.
O quinto punto
deste cuarto tema levouse a cabo de xeito colaborativo entre todo o
alumnado da aula. Por parellas asignóusenos un subpunto deste
apartado a investigar pola nosa conta para unha posterior posta en
común coas/os nosas/os compañeiras/os, todos eles tiñan que ver co
deseño curricular das linguas estranxeiras na LOMCE. O primeiro
punto trataba as linguas estranxeiras nos principios metodolóxicos e
obxectivos xerais da ESO. O seguinte tiña como punto central a
organización das linguas estranxeiras na ESO no referente aos
cursos, ciclos, horario lectivo e modalidades das que estivésemos
falando. O terceiro punto centrábase na avaliación das linguas
estranxeiras na ESO. A partires do cuarto punto subimos de etapa
educativa e e analizamos os mesmos aspectos comentados para a ESO só
que neste caso en como se organizan no Bacharelato. Á miña
compañeira e a min tocounos o apartado das linguas estranxeiras na
organización do Bacharelato. Despois dunha busca que non foi tan
sinxela coma nos pareceu inicialmente (debido as diferencias
autonómicas que atopamos), atopamos que a primeira lingua
estranxeiras é de carácter obrigatorio para todas as modalidades de
Bacharelato, tanto no primeiro coma no segundo curso, e ten un
horario lectivo de tres horas á semana. A segunda lingua estranxeira
é unha materia específica opcional e de oferta obrigatoria en ambos
cursos do Bacharelato e conta con dúas horas lectivas semanais no
primeiro curso e tres no segundo.
O sexto apartado
do tema levouse a cabo de xeito similar pero esta vez centrándonos
no ámbito da Formación Profesional tendo en conta a estrutura desta
(ciclos e títulos), a distribución de competencias da súa
ordenación polo Goberno do Estado, o Goberno Autonómico e os
centros docentes, e a estrutura (módulos, materias, horas e
currículo), obxectivos xerais e avaliación dependendo de se estamos
a falar dunha Formación Profesional Básica ou Ciclos Formativos de
Grao Medio ou Superior.
Por último, o
derradeiro punto do tema de Deseño Curricular tratou a situación
das linguas estranxeiras no currículo das ensinanzas de réxime
especial, que linguas se imparten e onde, os niveis que abarca a
LOMCE para cada unha destas linguas, a modalidade (presencial ou a
distancia) e os cursos para a actualización do coñecemento de
idiomas e para a formación do profesorado e doutros colectivos
profesionais. Tamén se comentaron as diferentes competencias
asignadas aos diferentes órganos lexislativos e administrativos.
TEMA 5: AS
PROGRAMACIÓNS DIDÁCTICAS VIXENTES.
O tema número 5
da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e
Internacional, sesión impartida polo profesor Gonzalo Constenla,
centrouse nas programacións didácticas de linguas estranxeiras
vixentes no noso país. Unha programación didáctica é entendida
coma o instrumento de planificación curricular que debe permitir o
proceso de ensino e aprendizaxe do alumnado. É un instrumento que
debe ser organizado e planificado de xeito coordinado por todo o
profesorado compoñente dun departamento e máis aínda por aqueles
que compartan unha mesma materia nun mesmo nivel educativo. As
programacións didácticas deben sempre ser establecidas tendo en
conta en primeiro lugar o currículo establecido. O día 15 de xullo
de 2016 aprobouse a resolución pola que se establecen as instrucións
para a elaboracións das programacións didácticas do curso
2016/2017 na Educación Secundaria Obrigatoria e na ESO das
Comunidade Autónoma de Galicia.
O segundo
apartado deste tema centrouse na estruturas destas programacións
didácticas vixentes na LOMCE para a ESO e o Bacharelato. Comezaríase
por unha introdución a modo de contextualización na que se podería
mencionar órganos e institucións importantes a nivel español e
europeo no referente as linguas estranxeiras coma Marco Común
Europeo de Referencia (MCER), o currículo ou os decretos publicados
no DOG e a LOMCE en sí. Outros aspectos a ter en conta e mencionar
neste apartado introdutorio serían o proxecto lingüístico do
centro, o seu Regulamento de Réxime Interno, as programacións
didácticas de cursos anteriores como guías a seguir para o presente
curso ou as melloras que se poidan ter incorporado, as memorias dos
departamentos ou mesmo un posible plan lingüístico do concello onde
se atope o centro docente. Os seguintes aspectos estruturais a ter en
conta serían: o desenvolvemento de competencias clave; a concreción
dos obxectivos do curso; a concreción dos estándares de aprendizaxe
avaliables (temporalización, grao mínimo de consecución para
superar a materia e procedementos de avaliación); as concrecións
metodolóxicas; os materiais e recursos didácticos que se vaian
utilizar; os criterios de avaliación, cualificación e promoción do
alumnado; os indicadores de logro para avaliar o proceso de
ensinanza-aprendizaxe; a organización das actividades de seguimento,
recuperación e avaliación das materias pendentes; a organización
de procedementos de acreditación dos coñecementos necesarios en
determinadas materias; o deseño da avaliación inicial e as medidas
individuais e colectivas que se poidan adoptar en consecuencia; as
medidas de atención a diversidade; a concreción dos contidos e
competencias transversais; as actividades complementarias e
extraescolares; e, finalmente, os posibles mecanismos de revisión,
avaliación e modificación das programacións didácticas. Todo isto
segundo está ditado no Diario Oficial de Galicia a luns 1 de agosto
do 2016.
De xeito similar
á sesión anterior sobre deseño curricular, por parellas ou
pequenos grupos o profesor Gonzalo Constenla pediunos que meditásemos
sobre a que elementos que compoñen as programacións didácticas de
linguas estranxeiras segundo a LOMCE lles prestaríamos máis
atención á hora de elaborar as nosas propias unidades didácticas.
No caso do meu grupo escollemos o apartado e) concrecións
metodolóxicas, o g) criterios sobre a avaliación a cualificación e
a promoción do alumnado, e o l) medidas de atención á diversidade.
Moitos dos outros elementos nos parecían de gran importancia pero
pareceunos que estes serían nos que máis nos pararíamos. Con todo,
obviamente todos os elementos estarían presentes e a maioría deles
interrelacionados pois moitos non terían éxito sen que outros os
complementasen de certo xeito.
A continuación
centrámonos nas programacións didácticas vixentes na Formación
Profesional segundo a LOE e a LOMCE. No ámbito deste tipo de
educación o máis destacable sería que estas programacións débense
acomodar ás características do ámbito produtivo ao que pertenza o
módulo, incluíndo a secuenciación e o tempo asignado a cada unha
das unidades didácticas que a integran. Estas deberán incluír os
resultados da aprendizaxe, os obxectivos específicos, os contidos,
os criterios de avaliación, as actividades de ensinanza-aprendizaxe
e de avaliación, os materiais e recursos, e os instrumentos de
avaliación. Outros elementos que deben estar presentes nas
programacións didácticas serían: os mínimos esixibles para
aprobar e os criterios de cualificación; os procedementos de
recuperación; e o seguimento da programación e a avaliación da
práctica docente. As programacións deben ser adaptadas en todo
momento as necesidades educativas do alumnado.
Finalmente,
neste tema tratáronse as programacións didácticas vixentes nas
ensinanzas de idiomas nas Escolas Oficiais de Idiomas. Neste caso as
programacións didácticas serven unha vez máis como instrumento de
planificación curricular para cada departamento e correspondentes
cursos, seguindo as directrices propostas pola comisión de
coordinación pedagóxica e expostas no proxecto educativo. Os
elementos que as estruturan son os seguintes: os obxectivos; os
contidos (e a súa secuenciación é temporalización); os criterios
de avaliación e mínimos esixibles; os procedementos e instrumentos
de avaliación; os criterios de cualificación; a metodoloxía; os
recursos didácticos; os procedementos de adaptación curricular para
alumnado con necesidades especiais; as actividades culturais e de
promoción do idioma; e os procedementos de seguimento e avaliación
da aplicación da programación didáctica e da avaliación interna
do departamento.
Entre as outras
disposicións das programacións didácticas das ensinanzas nas EOIs
segundo a LOE cabe destacar; a obrigatoriedade de contar sempre cunha
programación didáctica que debe ser respectada a seguida polo
profesorado encargado; a obrigatoriedade de facer públicos certos
elementos como os criterios de avaliación e mínimos esixibles para
a superación dos cursos; unha inspección educativa encargarase de
supervisar o cumprimento destas programacións así como o seu
contido en relación ás normativas vixentes; a recollida nunha
memoria final anual de aspectos como posibles modificacións
introducidas durante o curso e o motivo que levou a isto, a análise
dos resultados das avaliacións do alumnado e a adecuación dos
contidos impartidos ás probas de certificación, e posibles
propostas para a programación didáctica do curso seguinte.
TEMA 6:
METODOLOXÍA CLIL/AICLE.
O tema número 6
da materia As Linguas Estranxeiras no Contexto Español e
Internacional, tamén impartido polo docente Gonzalo Constenla,
centrouse nas metodoloxías AICLE/CLIL (Aprendizaxe Integrado de
Contidos e Linguas Estranxeiras/Content and Language Integrated
Learning). Como o seu propio nome ben indica, esta metodoloxía,
adoptada en Europa en 1994, fai referencia as prácticas
metodolóxicas que se centran da ensinanza de diversos contidos
usando coma vehículo de transmisión unha lingua estranxeira para
así fomentar nun mesmo tempo a ensinanza de certos contidos e o
reforzo dunha lingua estranxeira mediante a súa aplicación oral e
escrita a un novo contexto determinado. A teoría sobre a que se
basea é que esta metodoloxía resultaría moi beneficiosa para ambas
materias pois motivaría ao estudantado ao verse capaces de resolver
problemas e "saber facer" nunha lingua estranxeira.
Os principios
metodolóxicos sobre os que se basea son varios. En primeiro lugar,
coma expliquei no parágrafo introdutorio, tanto o currículo da
materia coma o currículo lingüístico han de ser tidos en conta
pois a adquisición dos primeiros contidos sería imposible sen que o
alumnado posúa os coñecementos comunicativos clave na lingua
estranxeira. En relación a isto, a materia que se estuda marca os
contidos lingüísticos que se van precisar, sobre todo aqueles
referidos ao vocabulario da lingua estranxeira, máis tamén os
referentes ao tipo de discurso e estruturas gramaticais. A fluidez na
lingua estranxeira vai cobrar máis importancia que o seu perfecto
uso gramatical, é dicir, o que importa é poder comunicar o mellor
posible, os erros gramaticais pasan a un segundo plano sempre e cando
non interfiran no poder de comunicación da lingua.
A metodoloxía
AICLE/CLIL integra cinco dimensión (Marsh et al. 2001). A primeira
delas, a dimensión cultura, fai referencia a necesidade de construír
coñecementos e comprensións interculturais, a desenvolver
habilidades comunicativas interculturais, a descubrir países e
rexións novos e a introducir un contexto cultural máis amplo. A
dimensión contorno pretende preparar para a internacionalización
(ou máis ben a europeanización), acceder á certificación
internacional e mellorar o perfil do centro educativo. A dimensión
lingua evidentemente persegue mellorar a competencia global na lingua
estranxeira escollida como vehículo de comunicación, afondar no
desenvolvemento da consciencia da lingua materna e a estranxeira,
desenvolver intereses e actitudes plurilingües e, obviamente,
introducir unha lingua adicional. A cuarta dimensión, a contido,
busca estudar contidos dende perspectivas diferentes, acceder a
terminoloxía propia da materia en cuestión nunha lingua estranxeira
e preparar ao alumnado para posibles estudos posteriores e para o
mundo laboral en xeral. A derradeira dimensión, chamada aprendizaxe,
quere complementar estratexias de aprendizaxe individuais,
diversificar métodos e formas de práctica na aula e aumentar a
motivación do alumnado.
Segundo Coyle
(2007) a metodoloxía CLIL debe prestar especial e igual atención a
catro elementos básicos: o contido, a comunicación, a cultura e a
cognición. Estes precisamente son as características que fan desta
metodoloxía un sistema moi novidoso e atractivo. O contido fai
referencia ao contido curricular da materia a estudar con todos os
seus elementos propios (obxectivos, criterios de avaliación,
materiais, etc.); a comunicación fai referencia ao elemento clave
desta metodoloxía, é dicir, ao uso dunha lingua estranxeira coma
vehículo de transmisión da impartición desta materia; a cognición
busca potenciar nun mesmo tempo o desenvolvemento de destrezas de
pensamento e de control da linguaxe; finalmente, a cultura busca
integrar a perspectiva multicultural no proceso de
ensinanza-aprendizaxe.
No relacionado
coas caracteríticas básicas desta metodoloxía cabe destacar que o
seu centro principal é o alumnado. Este pode participar na decisión
de que tarefas e temas se realizarán. Ademais, é unha metodoloxía
inductiva na que é moi común o uso do enfoque de tarefas. Outra das
súas principais caracteríticas é que debe ser unha ensinanza
facilitadora e flexible, isto convértese na prioridade a través da
adaptación aos distintos estilos de aprendizaxe do alumnado,
normalmente mediante o emprego de estratexias lingüísticas e
paralingüísticas. A busca da autonomía e interacción do alumnado
é un dos elementos que caracteriza a esta metodoloxía. Tamén
resalta bastante a súa "predilección" por métodos de
avaliación por parellas e o feito de que sempre se deben dar
rúbricas claras dos criterios de avaliación.
Unha
característica central desta metodoloxía é o andamiaxe ou
scaffolding, altamente
relacionado coas teorías de Vygotsky (1978). Este concepto fala de
tres categorías nas que estaría dividida a capacidade de resolución
de problemas e outras estratexias do alumnado: ás que o alumnado
pode chegar de forma independente, as que non pode realizar nin
contando con axuda e as que si que pode realizar coa axuda doutras
persoas. A andamiaxe ou scaffolding fai referencia a aquelas
estruturas, estratexias ou actividades que profesor achega para que o
alumnado poida ir formando o seu propio coñecemento, non é
simplemente axudar senón facilitar un soporte de ferramentas de
axuda que o alumnado poida usar directamente. É importante destacar
que a andamiaxe ou scaffolding
debe ser proporcionada tanto para os contidos da materia como para os
lingüísticos. Algúns dos tipos de andamiaxe que existen reforzan a
recepción de coñecementos, a transformación destes (parar ser
reusados, por exemplo) e a produción (de métodos propios de estudo,
por exemplo).
Existen moitas razóns favorables para o uso da metodoloxía
CLIL/AICLE, tanto dende o punto de vista dos contidos, coma da lingua
estranxeira, da cognición, da cultura, de mellora do centro
educativo, etc.
A derradeira pregunta que nos queda en relación a este tema é a
organización ou deseño curricular seguindo a metodoloxía
CLIL/AICLE. O tipo de currículo sería o do modelo integrado de
contidos e linguas que se basea no principio de interdependencia das
linguas e está integrado polos mesmos elementos que o currículo
regular máis os obxectivos, contidos e criterios de avaliación
lingüísticos e dos contidos da materia en concreto. Tanto en
relación ao deseño curricular como a organización da programación
dun curso en concreto unha das cousas máis importantes a ter en
conta é o nivel do alumnado de dominio da lingua estranxeira como a
necesidade de adaptar está ás necesidades do alumnado e dos
contidos da materia. Todo isto ten unha complexa adaptación ou
adecuación ao traballo particular na aula, tanto da lingua nai, como
da materia CLIL/AICLE, como da lingua estranxeira; e o profesorado de
ditas materias debe ter en conta a situación na que o alumnado se
atopa mesmo cando non son docentes da materia impartida segundo a
metodoloxía CLIL/AICLE en particular.
TEMA 7: O ENSINO-APRENDIZAXE DE LINGUAS ESTRANXEIRAS EN PAÍSES DA NOSA CONTORNA/A SITUACIÓN DE ESPAÑA NOS PAÍSES DA NOSA CONTORNA.
O sétima unidade da materia As Linguas
Estranxeiras no Contexto Español e Internacional centrouse nun
análise dos diferentes organismos europeos que avalían, controlan,
dirixen ou lexislan no ámbito da educación. A situación particular
de España, en comparación con países da nosa contorna como
Finlandia ou incluso outros como Canadá ou o Xapón, foi analizada
en relación as posibles razóns que fan que o noso sistema educativo
non se caracterice por ser particularmente exitoso. Para isto
tivéronse en conta non só os sistemas de acceso á educación
(superior) e a organización do sistema educativo en xeral, senón
tamén as esixencias que existen non noso país en cuanto á
formación do profesorado e o estatus que estes teñen socialmente e
a concepción social que existe deles. Ademais, tamén se tiveron en
conta as diferencias que existen dentro do propio país dependendo da
Comunidade Autónoma na que nos atopemos. Todos os datos que usamos
para facer estas comparacións foron tomados das diferentes probas de
avaliación que se fan no noso país e a nivel mundial, sobre todo do
informe PISA.
Os informes ou barómetros que existen
a nivel europeo son o Eurydice, o Eurostat (organismo de estatísticas
oficiais da Unión Europea), o Estudo Europeo de Competencia
Lingüística e o Eurobarómetro (enquisa periódica ás/aos
cidadás/áns da Unión Europea sobre asuntos de interese). O famoso
informe PISA (Programme for International Student Assessment), que
avalía a nivel mundial os países pertencentes á OCDE (Organización
para a Cooperación e Desarrollo Económicos), tamén foi comentado.
Todas estas probas e informes miden o nivel do estudantado de
diferentes países e rexións dentro destes en relación a diferentes
competencias que poden ir dende as matemáticas ata as lingüísticas
ou de comprensión lectora. Algúns deles están directamente
orientados cara observar os resultados das políticas educativas de
cada un dos países europeos.
Comezando pola situación nacional de
España, o último informe PISA (na liña dos resultados obtidos en
estudos previos) revelou que existe unha brecha autonómica dentro do
territorio español. Isto é curioso pois no noso país non hai
demasiadas liberdades ou diferencias no que se refire a lexislación
educativa entre as diferentes comunidades autónomas. O máis
destacable destas diferencias autonómicas é que a Comunidade
Autónoma de Castela e León tende a ser das primeiras no ranking.
Unha das causas que propicia isto pode ser que, debido a situación
socioeconómica desta rexión española, se lle dea unha maior
importancia á educación como medio de subsistencia e camiño cara
un mellor futuro, pois é unha rexión que non conta con demasiadas
saídas laborais e unha das principais é o funcionariado (traballo
para o cal, polo xeral, é necesaria unha formación educativa
superior).
Pasando á comparación da situación
española con outros países, a nivel mundial, como é ben sabido, os
nosos resultados deixan moito que desexar. Finlandia é un dos países
líderes nos informes PISA, non só a nivel europeo senón
mundialmente, dende hai varios anos principalmente gracias a que, a
mediados dos anos noventa, este país optou por unha política
educativa comprehensiva e integradora. As/os estudantes neste país
reciben un gran apoio educativo e o profesorado reciben unha moi boa
formación e preparación, sendo avaliados na súa función docente.
O estatus social que estes teñen en Finlandia non ten nada que ver
coa imaxe que se ten deles en España, son personalidades altamente
respectadas e apoiadas. Ademais, os requisitos de acceso á carreira
de mestre son moi altos e o proceso de acceso a este posto é longo e
con moitas máis esixencias educativas ca no noso país (por exemplo,
esíxeselles ter un mestrado). No referente ao alumnado,
practicamente a totalidade da educación é pública e moitos
materiais e dereito a comedor son gratis, o número de alumnas/os por
aula é máis reducido, existen profesoras/es de apoio, as/os
nais/pais teñen un papel máis importante ou interesado pola
educación das/os súas/seus fillas/os, entre outras características.
Cabe resaltar que a maioría do estudantado remata dominando case a
perfección unha lingua estranxeira e isto axuda a que este país
acade un posto tan alto nestes informes. Todo isto non se ve so
reflectido nos resultados que obteñen neste informes educativos
senón tamén nos índices de benestar que sitúan a Finlandia nos
postos máis altos. Por esta razón, parece evidente que existe un
claro link entre o nivel de benestar de un país e o seu nivel
educativo.
Outros dous países que cabe destacar
xa a nivel mundial son Canadá e Xapón. O primeiro aposta por unha
política educativa integradora en todos os sentidos. Dáselle un
gran apoio a aqueles estudantes con necesidades especiais e existen
programas especiais para as/os fillas/os de estranxeiras/os recén
chegadas/os. O goberno nacional da completa liberdade ás rexións
canadenses para organizar a súa maneira a política educativa e
establece unhas probas de avaliación anuais para facer un seguimento
do éxito ou fracaso destas. En todo caso, estas probas non teñen
carácter decisivo para o alumnado, é dicir, só serven como informe
para os poderes lexislativos ou políticos e profesorado para coñecer
os puntos fortes e débiles do sistema e tentar melloralos de ser o
caso. Como características a destacar atopamos o apoio ao
bilingüismo, a gratuidade da educación ata os 16 anos e se lle dan
unha gran importancia á educación emocional e cívica.
Finalmente, outro caso a destacar é o
do Xapón, aínda que por razóns moi diferentes. Unha das principais
características deste sistema educativo é a presión social que
existe cara a necesidade de acadar un mínimo nivel educativo. Isto
acontece mesmo entre os propios cativos. Outra característica moi
importante e posiblemente a máis destacable deste sistema educativo
é a súa duración e estabilidade no tempo, non ten habido
practicamente ningún gran modificación no seu sistema educativo
dende hai anos. Coma en Canadá e Finlandia, o profesorado ten un
alto estatus social e son moi respectados, están moi ben formados e
pagados.
A modo de resumo
entón podemos concluír que as principais medidas que parecen
conformar un sistema educativo exitoso teñen que ver coa alta
formación e apoio ao profesorado, a inversión en educación e apoio
ao estudantado, a potenciación do bilingüismo, a liberdade de
lexislación rexional das políticas económicas (que permiten
adaptar o sistema educativo as distintas necesidades que xorden dos
distintos contextos), a educación social e emocional, a estabilidade
do sistema educativo e a súa gratuidade, a alta concienciación
social pola necesidade de acadar un certo nivel educativo e,
posiblemente, unhas probas de avaliación que midan o éxito do
sistema educativo para poder así melloralo no caso de ser necesario.
É evidente que España non se atopa na mesma posición económica ca
estes países e polo tanto habería certas medidas que non serían
fáciles de adaptar ao noso contexto. Sen embargo, a gran maioría
delas só precisarían dunha reforma ou reorganización do sistema
educativo simplemente aplicando os recursos económicos dos que
dispomos á creación dun sistema educativo que aposte polos
elementos que, como demostran todos estes países e algún máis,
parecen levar a resultados educativos, e consecuentemente de benestar
social, moi exitosos e elevados.
TEMA 8: AS
LINGUAS ESTRANXEIRAS COMO FENÓMENO GLOBAL: EXPERIENCIAS EDUCATIVAS
NON-EUROPEAS.
Neste tema do módulo As Linguas Estranxeiras no
Contexto Español e Internacional, impartido pola profesora Rosa
Alonso, tratamos algúns dos métodos de ensinanza de linguas
estranxeiras que tiveron máis éxito ao longo da historia. Como
veremos, cada un deles céntrase máis en reforzar diferentes
dominios da lingua estranxeira como poden ser o vocabulario, a
gramática, a expresión e comprensión oral e a expresión e
comprensión escrita. Polo tanto, máis dun método se pode utilizar
para cada un destes dominios e, de xeito similar, un método poderase
repetir e ser utilizado con diferentes propósitos.
Comezando
polo método máis antigo, o método Prusiano nado en Alemaña,
centraríame en usar as súas técnicas de memorización, sobre todo
para as regras gramaticais máis que para o vocabulario, mediante a
construción de paradigmas, os cales poden ser de moita axuda pois
facilitan o proceso de aprendizaxe ao relacionaren conceptos e
estruturas. Deste modo, o método da gramática e tradución, como o
seu propio nome indica, paréceme moi adecuado para o ensino da
gramática xa que, pola miña experiencia persoal, o seu enfoque
dedutivo a través da explicación das regras gramaticais e a súa
conseguinte posta en práctica sempre me resultou de gran axuda. Sen
embargo, contrariamente a un dos propósitos básicos deste método,
non empregaría practicamente para nada de técnicas de tradución
xa que, aínda que os obxectivos deste método non eran acadar o
total dominio ou produción na lingua meta, este si é un dos
obxectivos clave na actualidade á hora de aprender unha lingua
verdadeiramente.
O método directo e natural, contrariamente ao anterior,
céntrase en reforzar a expresión e comprensión oral da lingua meta
enfocando a súa ensinanza dun xeito similar ao que aprendemos a
lingua nai. Para isto o contexto é moi importante, así como os
xestos e as accións levadas a cabo polo/a docente e o uso de
materiais coma obxectos ou debuxos. A capacidade de observación do
alumnado é tamén moi importante. Por este motivo, este método
paréceme axeitado á hora de centrarnos na produción e comprensión
oral, así como o estudo do vocabulario. Tamén pode ser de axuda
como técnica de introdución ás regras gramaticais, o ensino
indutivo da gramática que defende o método directo podería servir
como toma de contacto para unha maior profundización nas regras
gramaticais de xeito teórico e, despois, como método de aplicación
práctica destas.
O método oral e situacional céntrase na experiencia
oral das linguas como técnica clave para a súa adquisición. Por
este motivo, as técnicas empregadas por este método, que son moi
parecidas ás do método natural ou directo, serían de gran axuda á
hora de reforza a expresión e comprensión oral. A lectura e a
escrita quedan relegadas a un segundo plano ata que o alumnado
alcanza un certo nivel léxico e gramatical a nivel oral. Na miña
opinión é importante reforzar todas as habilidades ao mesmo tempo,
cada unha seguindo o método que máis eficaz poda resultar. Por este
motivo, eu non esperaría demasiado a introducir a expresión e
comprensión escrita na aula.
O
método oral ou situacional paréceme particularmente útil para a
adquisición do vocabulario pois, mediante técnicas de repetición e
representacións físicas, axudaría moito á súa adquisición.
Unha
vez máis o método audiolingüe busca potenciar a expresión e
comprensión oral como punto de partida para logo desenvolver as
destrezas da lingua escrita. Sen embargo, neste caso os elementos da
lingua meta sempre son contrastados cos da lingua materna. Por este
motivo, penso que sería un bo método de reforzo das destrezas orais
con alumnado que estea en niveis baixos da lingua meta pois a
relación dos contidos coa súa lingua nai pode ser de axuda.
Seguindo na liña dos enfoques orais, o método
comunicativo dálle unha gran importancia aos contextos particulares
nos que o alumnado verdadeiramente podería necesitar usar a lingua
meta. Deste xeito o contexto situacional volve ser moi importante. Ao
contrario que o método anterior, este si que defende a produción
libre e independencia creativa do alumnado polo que na miña opinión
pareceríame bastante produtivo cun alumnado que posúa un dominio
máis elevado da lingua meta. Fáltalle tamén un maior reforzo da
gramática, na que non están demasiado interesados polo que se
podería complementar con técnicas empregadas noutros métodos.
O método da resposta física total leva un paso máis
alá a énfase no contexto a través do seu enfoque na representación
ou acción física do que se vai aprender defendendo que a
experiencia física do alumnado axuda á memorización do ensinado.
Neste caso, a comprensión oral superponse a todo o demais. Unha vez
máis, paréceme moi útil para alumnos en niveles máis baixos pois
faise máis ameno e interactivo. Ademais, non se centra tampouco en
corrixir erros aínda, senón en reforzar a produción e o
afianzamento do significado do aprendido. Sen embargo, a ausencia de
materiais escritos de consulta paréceme unha desvantaxe, coma
comentei anteriormente.
O método do silencio paréceme un método de carácter
limitado pero bastante útil á hora de reforzar a adquisición de
vocabulario, por exemplo. No referente a expresión e comprensión
oral paréceme un problemático xa que é un tanto idealista confiar
na capacidade autónoma de produción do alumnado sen un input máis
forte coma toma de contacto e exemplo a seguir. Mentres que o
vocabulario é de gran importancia, este método vólvese a esquecer
da gramática no sentido de que non hai explicacións desta.
A suxestopedia semella un método clave para a ensinanza
de calquera lingua, ou incluso de calquera cousa, pois é ben sabido
que os altos niveis de ansiedade e estres que se poden dar na aula
non son nada beneficiosos para o proceso de ensinanza-aprendizaxe.
Polo tanto, resulta moi beneficioso sobre todo para a produción e
comprensión oral, xa que son as que teñen lugar na aula en maior
medida. Sen embargo, atópase coas restricións materiais que un aula
pode supor no referente a creación dunha atmosfera relaxada.
Finalmente, aínda que o enfoque por tarefas é
criticado as veces por non centrarse no papel comunicativo da lingua,
na miña opinión abre a porta a reforzar todas as destrezas que se
deben dominar para a adquisición dunha lingua. A independencia que
dan as diferentes tarefas posibles dentro dun proxecto podería
axudar a centrar cada unha delas en reforzar as diferentes destrezas.
O enfoque por tarefas, máis que un método paréceme unha maneira de
organizar a ensinanza de linguas sen cerrar a porta ao uso de
diferentes métodos e esta é a gran vantaxe que lle vexo.
No hay comentarios:
Publicar un comentario