A derradeira sesión coas profesoras Luz Valencia e Ana Fontenla foi unha sesión de debate na que tratamos catro temas principais propostos polas docentes e algunhas dúbidas xurdidas por parte das/os alumnas/os. Comezamos cun par de warm-up activities, esta vez en inglés e francés xa que contábamos con algunha alumna de francés. A primeira destas actividades consistía en saír por parellas e cuestionarnos unhas ás outras sobre un obxecto particular e a súa utilidade. Supúñase que a que preguntaba era unha “extraterrestre” que non tiña os suficientes coñecementos sobre a nosa lingua polo que entraba en “bucle” facendo preguntas sobre todo o que a compañeira lle estaba explicando. A segunda warm-up activity, xa máis “movidita”, consistía en xuntarse en pequenos grupos e facer unha representación física a partir dunha cousa que a/o primeiro/a membro do grupo decidise ser. A modo de exemplo explicarei o que fixo Ana Fontenla co seu grupo. Ela decidiu ser unha árbore e situouse á fronte da clase cos brazos estendidos coma se tal fose. As outras catro alumnas do seu grupo uníronse á “representación” facendo de bird, leaves, apple and the bird’s egg.
Centrándonos xa nos temas de discusión, decidín comentarvos aquí no meu blog a miña opinión sobre cada un deles, a cal coincidiu practicamente co que as/os miñas/meus compañeiras/os do grupo pensan tamén. A primeira das preguntas que debíamos responder era se somos partidarias/os dos deberes. Coma boas/bos galegas/os que somos, a nosa resposta foi “si, pero non”. Estamos de acordo en que os deberes son algo necesario, sobre todo en materias “máis prácticas” coma inglés ou matemáticas na que o alumnado necesita practicar pola súa conta certos contidos das materias para saber así se lle xorden dúbidas. Aínda que non me vou meter agora nese tema, si que é certo que este debería ser o caso en todas as materias pero debido a como están organizadas non acontece así. Non pode ser, por exemplo, que historia só se traballe na casa a través dun “atracón de chapatoria” os días antes do exame. Ademais, no caso de inglés, a destreza da expresión escrita é mellor que se traballe na casa para poder así aproveitar as horas de aula para reforzar aqueles aspectos que non poden traballar soas/sos na casa. Na casa deberían contar tamén con máis tranquilidade e tempo para facer actividades de tipo redacción.
No noso grupo definimos como “bos deberes” aqueles que resulten verdadeiramente útiles para o alumnado, que supoñan unha fonte de reforzo dos coñecementos adquiridos na aula e que tamén sexan unha forma de fomentar a súa autonomía e capacidade de aprender a aprender. Con isto queremos dicir que non sobrecargan innecesariamente ao alumnado a través de pedirlles que realicen unha gran cantidade de tarefas que non son moi produtivas ou educativas. É moi importante tamén que estas tarefas sexan corrixidas na aula pois, aínda que o alumnado diga non ter dúbidas, é moi probable que cometesen erros sen darse conta nin dubidar, sobre todo cando se enfrontan por primeira vez cun certo elemento lingüístico. En resumo, os bos deberes dependen da calidade e non da cantidade.
No debate conxunto co resto de compañeiras/os engadimos tamén a necesidade de crear hábitos de traballo ou incluso pactar co noso alumnado de que xeito lles imos pedir deberes. Por exemplo, mandar so deberes antes da fin de semana para que así teñan máis tempo de facelos. Tamén se suxeriu que o profesorado de cada curso se poña de acordo máis ou menos á hora de realizar os exames e pedir os deberes. Deste xeito creamos un ritmo de traballo que lles axuda a organizarse e así reducir o nivel de ansiedade que pode provocar unha sobrecarga de traballo ao mesmo tempo. Debemos ter en conta tamén o nivel educativo no que se atopan, non se poden mandar os mesmos deberes (nin en cantidade nin en tipo) ao alumnado de 1º da ESO que de 2º de Bacharelato.
En conclusión, a gran maioría somos partidarias/os dos deberes. Somos conscientes da sobreprotección en xeral que existe agora do alumnado pero esta “presión social” tampouco nos debe forzar a abandonar o que consideremos unha boa práctica docente. Os deberes equilibrados, útiles, xustos e necesarios e, a poder ser, incluso pactados ou organizados conxuntamente co noso alumnado, debería ser un plus na nosa práctica como docentes e no seu proceso de aprendizaxe.
O segundo punto do noso debate foi o uso das TIC na aula. Unha vez máis, a nosa resposta foi un “si, pero non”. En particular debíamos responder a tres preguntas: fan as TIC que cambie o sistema educativo? Que pensamos do uso dos móbiles na aula? Que TIC empregamos, por que e para que? En primeiro lugar debemos recordar que non hai practicamente nada que as TIC incorporen que non fixésemos antes sen elas doutro xeito. É verdade que debemos admitir que nalgúns casos facilitan certas actividades que antes facíamos doutro xeito (coma os listenings) ou, simplemente, nos dan acceso á unha maior variedade de actividades (tamén no input oral sobre todo, xa que podemos acceder a moitos máis vídeos, cancións, documentais, etc.). Sen embargo, o máis importante é asegurarnos de que mantemos a calidade da nosa ensinanza e, por este motivo, do que debemos estar seguras/os é de que o uso de calquera tipo de TIC na aula supón unha vantaxe que facilita e fomenta o proceso de ensinanza-aprendizaxe e non todo o contrario, un desvantaxe que ralentiza, dificulta ou simplemente non aporta nada positivo ou que mellore o proceso.
O “boom” do debate chegou co uso dos teléfonos móbiles na aula, moi “de moda” ultimamente debido ao tema do acoso escolar e o cyberbullying. Debido a gran variedade de opinións que houbo na aula, voume centrar na miña. Eu son das que opinan que non é algo necesario, menos para o seu uso coma dicionario. Polo xeral, nunha aula de inglés non é necesario usar internet para buscar información xa que ese tipo de tarefas, cando se piden, adoitan ser para a casa onde o alumnado terá máis tempo de buscar información e adaptala á actividade que se lle pediu. Coma dixemos antes, é mellor deixar para aula aquilo que non poidan facer na casa soas/sos. Non obstante, é certo que, para ben ou para mal, os teléfonos móbiles parecen terse convertido nunha extensión dos nosos brazos e prohibir a súa entrada na aula parece imposible. A solución sería pois controlar o seu uso, igual que antes controlábamos que non falasen de cousas alleas a aula na clase, agora temos que controlar que non empreguen o “smartphone” para o que non deben, igual que antes (e aínda agora evidentemente) controlábamos que non falasen na aula de temas alleos a ela. Claro está que para que isto teña éxito a/o profesor/a debe implicarse e asegurarse de que o alumnado que estea usando o teléfono na aula o estea a facer para consultar algo en relación con ela.
Por último, no referente ás TIC que eu usaría, para que e por que, creo as incorporaría á miña función docente de maneira reducida. A maior utilidade que lle daría sería para a realizaciónd e listenings, xa que nos permite empregar moitos tipos de input diferente, e para que elas/es realicen traballos na casa, xa que lles permite acceder a moita máis información que só os materiais físicos que empregamos na aula. Tamén é certo que as TIC axudan moito a reducir o consumo de papel e para min está é a principal razón pola que intentaría fomentalas un pouco máis. Aínda que non son fan de realizar actividades de tipo drills e de gramática e vocabulario en xeral no ordenador, xa que prefiro o lapis e papel no workbook, é certo que os libros de exercicios online que as editoriais están comezando a preparar son bastante útiles e fáciles de usar (aínda que non todos) e axudan a reducir moito o consumo de papel. Finalmente, outro aspecto fundamental que debemos ter en conta no referente ao uso das TIC, tanto na aula como na casa no caso de mandarlles deberes que impliquen o seu uso, son as limitacións de recursos que poden existir en calquera destes dous contextos (acceso a un ordenador con internet, principalmente). Na aula sempre temos que ter un plan B no caso de que fallen os dispositivos electrónicos e na casa, se pretendemos pedir tarefas que requiran o uso das TIC, temos que asegurarnos de que todo o noso alumnado conta cos recursos necesarios ou que, de non ser así, nós poidamos proporcionarlles unha alternativa.
As dúas temáticas para debate que nos quedaron no tinteiro foron o uso da lingua materna na aula e os libros de texto. No referente ao primeiro punto gustaríame telo tratado un pouco máis coas profesoras pero, en xeral, creo que eu optaría por usar ao máximo a lingua estranxeira, sempre dentro dos límites que o nivel do alumnado supoña. Noutras palabras, usaría sempre a lingua estranxeira en todos os niveis educativos e só a lingua nai naqueles casos que vexa que é necesaria unha tradución ou explicación ou naqueles casos nos que queira asegurarme completamente de que algo queda claro. Por outra banda, no que se refire aos libros de texto non me quedaron demasiadas dúbidas xa que ambas profesoras nos falaron de cales serían as mellores editoriais se queremos seguir un libro de texto. Supoño que á hora de enfrontarme a unha clase viría pola miña conta diferentes libros de texto e escolleríaos en relación aos pros e contras que lles vise.
Finalmente, rematamos a sesión facendo un brainstorming entre todos sobre as características que unha/un bo/a docente tería para nós. As grandes vencedoras foron: ser cercana/o; ser firme pero xusta/o; ser accesible e amistosa/o sen perder o seu respecto; saber que se pode contar con el/a; que este sempre disposta/o a axudar ao alumnado, solucionar dúbidas e escoitar as súas necesidades; que se involucre de maneira persoal todo que poida (sen sobrepasar tampouco os límites da relación docente-alumna/o); saber comunicar os coñecementos da materia e a súa paixón por eles e, o que é incluso máis importante, saber facer ver ao alumnado que esta adquirindo eses coñecementos e a utilidade que estes teñen. Despois disto vimos un vídeo realizado en Inglaterra na que o alumnado de educación secundaria comentaba as características que máis valoraba das/os súas/seus profesoras/es. Puidemos comprobar que estábamos acertadas/os nas nosas propostas e que probablemente o máis importante sexa usar a nosa propia experiencia como alumnas/os para tentar non facer aquilo que non nos gustaba a nós como alumnas/os no pasado.