Antes
de comezar a sesión, a profesora Luz Valencia deunos algúns
consellos sobre os aspectos clave que temos que ter en conta á hora
de impartir aulas. Un dos máis importantes é estar sempre dispostos
a suplir o que non haxa, é dicir, existen situacións alleas a nós
que pódennos impedir ou dificultar a impartición de aulas como a
nós nos gustaría. Por exemplo, un fallo nos elementos tecnolóxicos
que pretendiamos usar como o ordenador, o proxector ou internet en
xeral, ou unha actividade que leva menos tempo do planeado e fórzanos
a preparar algo no último momento para completar o tempo restante da
sesión.
Outro
dos consellos clave que esta docente nos deu foi o de pensar sempre
no propósito das actividades. O que isto quere dicir é que non
sempre as actividades que poden parecer máis interactivas e de
interese para o alumnado van ser de axuda para o obxectivo real que
deben cumprir, é dicir, o ensino/aprendizaxe de certo elemento
lingüístico. Isto non quere dicir que as actividades teñan que ser
aburridas ou forzadas para poder aplicar estes elementos, senón que
simplemente hai que saber equilibrar ambos lados da balanza:
entretemento e ensino.
Outro
punto inicial interesante que tratamos con esta profesora foi o das
famosas “warm-up activities”. Na miña opinión, este tipo de
actividades (un exemplo das cales fixemos ao inicio da sesión)
funciona moi ben, ou así era cando eu era alumna da ESO e
Bacharelato, xa que aínda non teño experiencia como docente.
Paréceme claro que, a través da personalización das actividades
chámase a atención do alumnado e fomentase a súa interacción e
participación. Serven ademais obviamente para introducir o tema que
queiramos traballar. A información real fainos interesantes e
accesibles coma docentes e crea unha conexión afectiva co alumnado
que tamén pode ser de moita axuda (sempre respectando os límites da
relación docente-alumna/o).
Outra
vantaxe das warm-up activities é que serven como avaliación inicial
dos coñecemento que o alumnado xa ten sobre a materia a traballar a
continuación. Deste xeito permítelle á/ao docente re-adaptar o
temario ás necesidades que esta avaliación inicial pon de
manifesto, reforzando aquilo que necesite ser reforzado ou incluso
engadindo novos contidos de ter a sorte de atoparnos cunha clase que
xa teña un moi bo nivel. As warm-up activities axudan a cambiar a
dinámica de clase. A voz cantante a leva o alumnado obrigándolles
tamén a estar atentos á información que se da e ao que din as/os
compañeiras/os xa que se non non van poder interactuar
adecuadamente.
Gustaríame
comentar a utilidade doutra actividade de warm-up que foi usada
comigo nunha aula. Esta actividade sería moi útil sobre todo na
primeira sesión que se teña cun grupo. Esta actividade tivo lugar
nun curso de ensinanza de español como lingua estranxeira ao que
asistín durante a a primeira sesión do curso e funcionaba como toma
de contacto. Consiste en escribir tres cousas sobre unha mesma (por
exemplo, no seu caso, fora o seu lugar de nacemento, ano no que
comezou a traballar e número de mascotas que tiña) e facer que o
resto das compañeiras e compañeiros adiviñen a que fan referencia
esas tres cousas. No caso das linguas estranxeiras, pódese
facilmente por ao servizo do temario ou simplemente usala como toma
de contacto inicial.
Nesta
sesión tamén comezamos a falar do enfoque comunicativo, cuxa base é
completamente distinta da concepción tradicional dunha unidade
didáctica: escóllese un tema en primeiro lugar e logo se buscan e
preparan os elementos gramaticais ou de vocabulario que se lle poidan
aplicar. Ben é certo que no caso de precisar reforzar un destes
elementos en particular, sería necesario facer o proceso ao revés
buscando un tema apropiado que sirva para traballar este elemento sen
metelo á forza con calzador.
Finalmente,
nesta primeira sesión coa profesora María Luz Valencia realizamos
tamén unha análise das diferentes competencias das que fala o
currículo para a materia de linguas estranxeiras. O traballo por
competencias inclúe as seguintes:
- A competencia matemática pódese traballar a través de exercicios de relacionar imaxes con descricións, por exemplo, ou ordeando un texto, traballando as unidades de medida, os números, o diñeiro, etc.
- A competencia dixital fomenta o uso das TICs. Un punto importante a ter en conta neste apartado é o problema do cyberbullying, os contidos que usamos, os perigos da rede, etc. Os vellos problemas (copiar, por exemplo) adáptanse aos novos medios e son aplicados de xeitos novidosos pero tan fáciles de descubrir coma antes.
- A competencia de aprender a aprender fomenta a autonomía (o que non implica ser antisocial), e o feito de que cada vez máis non se necesita estar nun contexto educativo para aprender, podemos re-usar estratexias e saber como enfocar novos contextos de ensinanza-aprendizaxe. Na actualidade existe numerosas ferramentas ás que a maioría da poboación ten acceso e que nos poden axudar a aprender autonomamente: materiais online, televisión, dispositivos electrónicos, etc.
- A competencia social e cívica pódese traballar mediante diálogos, warm-up acitivities, ou o simple fomento de boas actitudes na aula coma que saúden ao chegar, tiren os papeis ao lixo, etc. En xeral, esta competencia tamén buscaría reforzar temas culturais e de respecto.
- A competencia da educación física non existe como tal no currículo aínda pero é un aspecto moi importante e presente na nosa actividade coma docentes. Entre os elementos que se traballan nesta competencia atopamos: a (psico)motricidade, a coordinación motora, a memoria kinestésica, etc.
- A competencia de sentido de iniciativa e espírito emprendedor fomenta a creatividade e tamén a autonomía. Debemos ter en conta, neste caso, o risco que ser innovador pode ter e as súas consecuencias á hora de avaliar ao noso alumnado. Non sempre o máis correcto “lingüísiticamente” levou tanto traballo, esforzo ou mesmo aprendizaxe que unha traballo innovador que non foi tan exitoso no que se refire aos seus contidos. Evidentemente sempre hai uns mínimos a esixir no referente aos contidos, pero todo debe ser tomado en conta.
- A competencia da conciencia e expresión cultural debe centrarse na transmisión da nosa cultura (algo que moitas veces se esquece pola excesiva importancia que se lle da á cultura da lingua estranxeira en comparación coa da lingua nai) así como valorar as outras e as diferencias entre unhas e outras.
Para
cada unha destas competencias a profesora mostrounos ou fíxonos
levar a cabo un tipo de actividade na que se fomentaría, como
mínimo, unha destas competencias. Algúns exemplos foron vídeos ou
mesmo o traballo resultante destas actividades realizadas polas/os
alumnas/os (videoclips, entrevistas, mini-filmes, etc). En relación
a este último punto da sesión, a profesora pediunos que
elaborásemos unha actividade na que traballásemos como mínimo dúas
competencias a parte da comunicativa. O meu exemplo de actividade
pode ser atopado a continuación na pasada entrada que fixen no meu
blog.
Un
consello final que Luz nos deu foi a importancia de evitar cargar
nós, coma docentes, coa maior parte do traballo na aula porque senón
elas/es non adquirirán os mesmmos coñecementos, autonomía, etc. O
bo sería seguir a técnica MINIMAX: MÍNIMO traballo para o profesor
pero dun xeito que MAXIMICE a función docente.
Bo resumo.
ResponderEliminar