A derradeira sesión da materia de Didáctica da Ensinanza de Linguas Estranxeiras do Mestrado Universitario para o Profesorado chegou da man do profesor Carlos Valcárcel. O que fixemos foi unha serie de brainstormings sobre as competencias e coñecementos (de todo tipo) que adquirimos durante as sesións con Carlos, cales delas/es pretendemos ou nos gustaría por en práctica cando desempeñemos a nosa labor coma docentes e como podemos asegurarnos de que sempre estaremos “actualizados” como profesores/as. A dinámica de traballo foi a de sempre, primeiro individualmente, despois comparamos por parellas ou pequenos grupos e, finalmente, debatemos as nosas listaxes con todas/os as/os nosas/os compañeiras/os. Comezamos pois elaborando unha listaxe sobre os coñecementos e competencias adquiridos durante estas sesións. Entre as competencias, no meu grupo consideramos que as que máis adquirimos ou reforzamos foron a de aprender a aprender e a social e cívica. No referente aos coñecementos “per se” a listaxe foi ben grande:
- Recursos e materiais online, a súa utilidade. Aprender tamén a utilizar recursos xa moi coñecidos (como o Facebook) pero para aplicalos a docencia de linguas.
- A importancia de establecer uns claros criterios e ferramentas de avaliación e corrección e de facerllos coñecer ás/aos nosas/os alumnas/os para que así cumpran de verdade a súa función educativa, pois debemos recordar que todo o que realizamos nas aulas ten que ter coma obxectivo a ensinanza da lingua estranxeira (dun ou doutro xeito).
- CALL: o seu uso e utilidade, e o feito de que non temos que dar aulas 100% a través dun dispositivo electrónico para que sexa considerado CALL, senón que podemos empregar esta “metodoloxía” só para certos aspectos ou momentos do proceso ensinanza-aprendizaxe.
- CLIL e o seu verdadeiro funcionamento, en que consiste e os “límites” da súa aplicabilidade.
- O enfoque por tarefas e o famoso scaffolding.
- A importancia do Feedback como parte moi importante do proceso de aprendizaxe.
- Ter sempre en conta os distintos enfoques didácticos dependendo do contexto educativo no que nos atopemos (ESL, English for Specific Purposes, English for Young Learners, etc).
- Distinguir entre enfoques metodolóxicos e didácticos.
- Recordar sempre a razón de todo o que fagamos: fomentar a aprendizaxe do noso alumnado.
A seguinte actividade consistiu en tomar o noso “escaño” coma futuras/os profesoras/es e declararlle a toda a clase que tres cousas da listaxe anterior tentaríamos aplicar si ou si á nosa práctica docente. Aínda que a escolla foi bastante difícil, penso que no meu caso estes serían os tres puntos dos que tentaría non esquecerme nunca:
- Traballar todas as destrezas por igual incluíndo todas as competencias educativas que poida en cada actividade.
- A importancia de establecer uns claros criterios e ferramentas de avaliación e corrección e de facerllos coñecer ás/aos nosas/os alumnas/os para que así cumpran de verdade a súa función educativa, pois debemos recordar que todo o que realizamos nas aulas ten que ter coma obxectivo a ensinanza da lingua estranxeira (dun ou doutro xeito).
- Recordar sempre a razón de todo o que fagamos: fomentar a aprendizaxe do noso alumnado. Que a innovación docente non se converta nunha freo para o meu alumnado pero que tampouco me deixe acomodar na miña práctica docente.
A seguir, centrámonos en comentar que medidas poderíamos adoptar para asegurarnos de que seguimos aprendendo e estamos ao día e así evitar, coma me propuxen no apartado anterior, que nos acomodemos e estanquemos. A seguir podedes ver as principais suxestións que se fixeron na aula:
- Seguir blogs e páxinas web sobre didáctica, tanto xeral como específica de linguas estranxeiras e da nosa lingua en particular.
- Investigar e elaborar os nosos propios materiais.
- Asistir a cursos ou incluso aulas de colegas para obter novas ideas.
- Unirse a comunidades de práctica como asociacións (en inglés, por sorte, contamos con bastantes).
- Ler bibliografía especializada.
- Ver documentais.
- Consultar os departamentos de orientacións dos nosos centros educativos.
Finalmente, elaboramos o noso “plan de formación continua persoal” a partires das ideas que suxerimos con anterioridade. As tres principais estratexias que eu tentaría seguir sempre para asegurarme de que nin me acomodo nin me estanco serían as seguintes:
- Asistencia a cursos.
- Seguir blogs e páxinas web de asociacións e expertas/os en didáctica.
- Tentar innovar e actualizarme pola miña conta todo o que poida, creando os meus propios materiais ao meu gusto e adaptándoos todo o que poida a cada grupo de alumnado co que me atope.
