domingo, 29 de enero de 2017

4. CALL (18/01/2017)

Na sesión do día 18 de xaneiro co profesor Carlos Valcárcel tratamos a famosa metodoloxía CALL (Computer Assisted Language Learning). Comezamos por facer unha actividade en parellas ou pequenos grupos para introducir o tema e avaliar os nosos coñecementos iniciais sobre CALL. Nela tiñamos que comentar o que sabemos xa desta metodoloxía, sobre a súa aplicación, as tecnoloxías que se poden empregar e o que nos gustaría aprender sobre ela. A verdade é que a maioría de nos sabiamos que CALL fai referencia ao uso de dispositivos electrónicos para a aprendizaxe de linguas pero case ningunha/ningún estabamos seguras/os da súa aplicación. Unha das principais dúbidas que xurdiu no meu grupo, por exemplo, foi se só se pode considerar que un un aula de idiomas segue a metodoloxía CALL se só é esta a que se emprega ou se, pola contra, pódese usar simplemente como un “recurso” máis, compaxinándoa con outro tipo de metodoloxías didácticas. No referente as tecnoloxías que se poden usar puidemos elaborar unha longa lista na que incluímos un gran número de aplicacións e recursos online (moitos dos cales acabamos de aprender a utilizar na materia de Estratexias de Innovación Docente), algúns dos cales foron: Duolingo, Babel, Lang-8, aplicacións de tandem, tutoriais e canais de Youtube, etc. Con todo, o certo é que, debido a “curta idade” desta metodoloxía, aínda non se ten elaborado unha gran teoría sobre a mesma.

Comezamos pois a sesión botando unha ollada aos principais puntos fortes desta metodoloxía, entre os que destacan os seguintes:
  • A liberdade para aprender en calquera lugar (obviamente con acceso aos dispositivos electrónicos necesarios) cando queiramos.
  • Ser unha metodoloxía activa e interactiva para o alumnado.
  • Permite a comunicación intermodal, a mistura e uso dun gran número de diversos recursos ao mesmo tempo ou interrelacionados.
  • Permite a obtención de feedback recursivo (bidireccional) e, ás veces, incluso inmediato. Ademais, ao quedares todo gravado, pódese volver sobre o traballo realizado as veces que sexan necesarias.
  • Pode ser unha metodoloxía de aprendizaxe altamente colaborativa, tanto entre o alumnado coma entre este e o/a posible docente.
  • Fomenta a competencia de aprender a aprender, tan valorada na actualidade.
  • Permite a adaptación do proceso de aprendizaxe ás necesidades de cada alumna/o, unha aprendizaxe “customizada”.

No referente aos dispositivos que se poden usar existen tres principais: as tablets, os teléfonos intelixentes e os ordenadores. Obviamente calquera dispositivo electrónico que poida aparecer e sexa adaptable ao uso de internet e os seus recursos podería ser facilmente empregado. O máis importante a ter en conta á hora de escoller o dispositivo que imos empregar é a súa usabilidade e utilidade, se ten un deseño adaptable ás nosas necesidades e que facilite a aprendizaxe (sobre todo, que non a complique). Un exemplo dunha aplicación moi pouco útil pola súa dificultade de uso é a plataforma Faitic da Universidade de Vigo para o móbil xa que ten un formato pouco claro e difícil de empregar. Por outra banda, en relación ao momento de aprendizaxe, a metodoloxía CALL permite tanto a aprendizaxe síncrona ou asíncrona. Tamén existen dúas modalidades de CALL: a de full e-learning e a de blended learning (flipped classroom). Temos que recordar neste punto que o e-learning non é exactamente o mesmo que CALL pois non implica necesariamente a incorporación total de contidos multimodais como este segundo se caracteriza por facer.

No quinto punto da sesión pasamos a centrarnos nos aprendentes. O primeiro factor a ter en conta é que xa non é necesaria a presencia dunha/dun docente, pois a aprendizaxe autodidacta é completamente posible e aplicable. Tamén son comúns os “métodos” one-to-one (un exemplo serían as aplicacións de tandem), CALL para pequenos grupos e xa CALL para grandes grupos a través de MOOCs (outra das aplicacións que aprendimos a empregar na materia de Estratexias de Innovación Docente). Tamén é importante distinguir entre o que sería unha comunidade de aprendizaxe, cuxo obxectivo sería a aprendizaxe da lingua en si, dunha comunidade de práctica na cal non existen uns obxectivos concretos senón que se resolven dúbidas xerais, se comparten materias ou serven como recurso de consulta (un exemplo deste tipo sería o foro do dicionario online WordReference). Por último, é preciso falar da “regra” do 90-9-1 en referencia á participación. O 90 faría referencia á porcentaxe de persoas que acceden a certos recursos online por intereses propios pero que non fan nin aportan nada á comunidade, como vemos supoñen a gran maioría dos usuarios. O 9 faría referencia á porcentaxe que de cando en vez fai ou aporta algo á comunidade e, por último, o 1% sería a porcentaxe de participantes que de verdade crean materiais, comentan nos foros ou, en xeral, aportan algo nunha comunidade de aprendizaxe online.

Finalmente, centrámonos nos ambientes de aprendizaxe ou recursos que se poden empregar para CALL. Moitos deles xa saíran no debate inicial da clase e xa eran do noso coñecemento, ben porque tivemos unha introdución á eles noutra materia ou ben porque xa fomos “alumnas/os” dalgún curso onde se fomentase o seu uso. Os máis comúns son os blogs, redes sociais, wikis, MOOCs, presentacións ou, simplemente, as plataformas virtuais como Balckboard, Moodle ou Caroline.


Finalizamos a aula do día 18 cunha “visita guiada” polo grupo de Facebook que o profesor emprega para algunha das súas aulas de francés. Todas/os tiñamos curiosidade por saber como funcionaría un grupo así para a ensinanza-aprendizaxe de idiomas (e en realidade de calquera outra cousa) polo novidoso que parece. O Facebook é unha plataforma online que ten moitas vantaxes facilmente aplicables a un curso de idiomas: etiquetar publicacións, recibir notificacións para estar sempre ao día, é inmediato, interactivo, e moi usado por case todo o mundo polo que o alumnado accederá moito máis a el que a outras plataformas como pode ser Faitic na Uvigo. A verdade é que a todos nos sorprendeu ver a alta participación que este grupo de Facebook tiña, mesmo parece que, por ser Facebook, o alumnado se motivaba máis a subir materiais e participar nas actividades. Probablemente isto non só se deba a que lles gusta Facebook e están afeitas/os a usalo, senón que resulta tan novidoso empregar esta rede social nunha clase que lles debe chamar moito a atención. Ademais, é certo que Facebook é unha rede que permite realizar unha gran número de cousas, tanto para interaccionar unhas/uns coas/cos outras/os como para publicar cousas ou acceder a outros recursos online.

No hay comentarios:

Publicar un comentario