lunes, 30 de enero de 2017

ACTIVIDADES DE LINGUA: PRODUCIÓN ORAL (25/01/2016)

Na segunda sesión coa docente Luz Valencia traballamos as actividades de lingua para a produción oral. Comezamos o día facendo nós mesmas/os unha warm-up activity que consistía nun crucigrama cos nomes de todos os membros do grupo 1, os cales tiñamos que adiviñar a través dunha definición das cousas curiosas que estas persoas din ter feito (información que Luz nos pedira na primeira sesión). Esta warm-up activity poderíase aplicar a calquera unidade de vocabulario ou mesmo empregar dun xeito similar ao que fixo Luz se o que queremos é familiarizarnos co alumnado novo ao principio do curso. Con esta actividade a docente tamén nos recordou o importante que é deixar ben claro cales son as instrucións para completar unha actividade (que teñen que facer, canto tempo teñen, se poden colaborar unhas/uns coas/cos outras/os, etc.).

A segunda actividade de "quecemento" que fixemos foi a típica de "marcho de viaxe e na miña maleta levo..." (a cal se pode adaptar tamén de mil maneiras, por exemplo, "Every Sunday at my grandma's house we always eat..."). Esta actividade é moi boa para reforzar e recordar o vocabulario visto, a parte de ser entretida e mesmo divertida xa que ao alumnado ocórreselle calquera tipo de cousas. Unha actividade similar sería tamén o teléfono estropeado. Todas estas actividades poñen en práctica a teoría do Minimax Teacher pois con pouco input do profesor o alumnado pode desenvolver un gran número de actividades de lingua.

Os principios nos que se basea o enfoque comunicativo parecen máis que lóxicos tendo en conta a porcentaxe de tempo que pasamos nas nosas vidas falando en comparación coa comunicación escrita. Para lograr pois esta produción oral como obxectivo claro para a aprendizaxe dunha lingua estranxeira debemos sempre tentar personalizar e facer realistas as actividades e tarefas que lles pidamos ao noso alumnado. Ademais, tampouco se debe esquecer que o feito de que o enfoque comunicativo se centre na produción oral non quere dicir que deixemos atrás aspectos máis "tradicionais" da lingua como a produción escrita ou o traballo da gramática. A diferencia simplemente reside en que todos estes aspectos da lingua se traballan dun xeito máis contextualizado sempre e, a poder ser, seguindo este enfoque oral.

Outro exemplo de actividade "personalizada" que realizamos foi o de describir unha foto da profesora montada a camello en Exipto xunto cunha serie de persoas. Aínda que esta actividade non vai facer exactamente que o alumnado se sinta "representado", o feito de que a súa profesora lles estea mostrando esta fotografía da súa "vida privada" vailles chamar moito a atención, a parte da curiosidade por saber que facía alí, con quen estaba e quen "raio" era ese rapaz descoñecido que os acompañaba a ela e a súa familia. Por grupos pedíusenos que realicemos unha actividade similar a partir dunha fotografía para a próxima sesión con ambas profesoras.

Outra actividade similar polo seu efecto foi a de imaxinar unha historia para explicar porqué Cinderella rematou nun bar como o que se nos mostra na foto. Esta vez non estamos nin ante unha situación realista nin ante unha actividade personalizada, sen embargo, o "absurdo" da situación que se nos presenta chama tanto a atención que o alumnado tamén se anima a participar (e nós mesmas/os ao realizar esta actividade na aula).

Unha actividade rápida e que sempre funciona en practicamente calquera contexto é o brainstorming. Esta actividade funciona moi ben tamén como bell-work activity, tanto para calmar ao alumnado e que se centren ao comezar a clase como para cerrar unha sesión e usala como método de resumo e repaso de todo o visto ese día.

Como podemos ver case todas estas actividades seguen o "principio" do Minimax Teacher. A/o profesor/a produce un pequeno input a través das instrucións para realizar a actividade (no brainstorming, por exemplo, preguntar: "bueno, quen me pode dicir os tipos de contaminación que existen?") ou dunha oración que de comezo ao "xogo" (I'm going on holidays and I put in my suitcase...").

A modo de resumo, outras das actividades que fixemos coma exemplo para fomentar a produción oral foron: o xogo do taboo; vídeos como o de Ormie (cos que se poden traballar un gran número de elementos lingüísticos); o xogo do "have you ever done...?"; situacións hipotéticas e preguntarlles que farían elas/es; describir unha cara triste e despois a mesma cara feliz e adiviñar o que puido ter pasado (obrigándoas/os a cambiar de tempo verbal e de familia de vocabulario); que propoñan novos usos para obxectos da vida cotiá pero en contextos aos que non pertencen normalmente; adiviñar que cousas dunha listaxe de noticias poden ter acontecido de verdade ou cales son falsas; role plays; preguntarlles que farían nunha situación X e dicirlles que personalidade teñen dependendo de cal sexa a súa resposta (da igual cal sexa a situación e cales sexan os tipos de personalidades sempre e cando sexan entretidas, divertidas e as/os fagan falar, sempre sendo coidadosas/os de non meternos en temas controversiais); etc. A maioría destas actividades fomentan o "lateral thinking" que ten tamén como beneficio o fomento da produción oral.

3 comentarios:

  1. Corrección, o nome do cerdiño é Ormie.
    Moi bo resumo, que cando remates axudarace a recordar todo o visto durante o mestrado e así poder recuperar actividades que consideres apropiadas para o teu contexto docente.
    Por favor, recorda etiquetar as entradas cos nomes das profes.

    ResponderEliminar
  2. Nome do cerdiño cambiado, gracias!
    Hai algún problema coas etiquetas? Cando eu o vexo todo funciona ben e me aparecen pero vexo que é a segunda vez que mo comentas entón xa non sei. Non che saen as entradas co teu nome?

    ResponderEliminar
  3. Saen co meu nome cando as abro, pero na marxe dereita, no arquivo, non.

    ResponderEliminar