miércoles, 25 de enero de 2017

AS COMPETENCIAS CLAVE (12/01/2017)

Antes de comezar a sesión, a profesora Luz Valencia deunos algúns consellos sobre os aspectos clave que temos que ter en conta á hora de impartir aulas. Un dos máis importantes é estar sempre dispostos a suplir o que non haxa, é dicir, existen situacións alleas a nós que pódennos impedir ou dificultar a impartición de aulas como a nós nos gustaría. Por exemplo, un fallo nos elementos tecnolóxicos que pretendiamos usar como o ordenador, o proxector ou internet en xeral, ou unha actividade que leva menos tempo do planeado e fórzanos a preparar algo no último momento para completar o tempo restante da sesión.

Outro dos consellos clave que esta docente nos deu foi o de pensar sempre no propósito das actividades. O que isto quere dicir é que non sempre as actividades que poden parecer máis interactivas e de interese para o alumnado van ser de axuda para o obxectivo real que deben cumprir, é dicir, o ensino/aprendizaxe de certo elemento lingüístico. Isto non quere dicir que as actividades teñan que ser aburridas ou forzadas para poder aplicar estes elementos, senón que simplemente hai que saber equilibrar ambos lados da balanza: entretemento e ensino.

Outro punto inicial interesante que tratamos con esta profesora foi o das famosas “warm-up activities”. Na miña opinión, este tipo de actividades (un exemplo das cales fixemos ao inicio da sesión) funciona moi ben, ou así era cando eu era alumna da ESO e Bacharelato, xa que aínda non teño experiencia como docente. Paréceme claro que, a través da personalización das actividades chámase a atención do alumnado e fomentase a súa interacción e participación. Serven ademais obviamente para introducir o tema que queiramos traballar. A información real fainos interesantes e accesibles coma docentes e crea unha conexión afectiva co alumnado que tamén pode ser de moita axuda (sempre respectando os límites da relación docente-alumna/o).

Outra vantaxe das warm-up activities é que serven como avaliación inicial dos coñecemento que o alumnado xa ten sobre a materia a traballar a continuación. Deste xeito permítelle á/ao docente re-adaptar o temario ás necesidades que esta avaliación inicial pon de manifesto, reforzando aquilo que necesite ser reforzado ou incluso engadindo novos contidos de ter a sorte de atoparnos cunha clase que xa teña un moi bo nivel. As warm-up activities axudan a cambiar a dinámica de clase. A voz cantante a leva o alumnado obrigándolles tamén a estar atentos á información que se da e ao que din as/os compañeiras/os xa que se non non van poder interactuar adecuadamente.

Gustaríame comentar a utilidade doutra actividade de warm-up que foi usada comigo nunha aula. Esta actividade sería moi útil sobre todo na primeira sesión que se teña cun grupo. Esta actividade tivo lugar nun curso de ensinanza de español como lingua estranxeira ao que asistín durante a a primeira sesión do curso e funcionaba como toma de contacto. Consiste en escribir tres cousas sobre unha mesma (por exemplo, no seu caso, fora o seu lugar de nacemento, ano no que comezou a traballar e número de mascotas que tiña) e facer que o resto das compañeiras e compañeiros adiviñen a que fan referencia esas tres cousas. No caso das linguas estranxeiras, pódese facilmente por ao servizo do temario ou simplemente usala como toma de contacto inicial.

Nesta sesión tamén comezamos a falar do enfoque comunicativo, cuxa base é completamente distinta da concepción tradicional dunha unidade didáctica: escóllese un tema en primeiro lugar e logo se buscan e preparan os elementos gramaticais ou de vocabulario que se lle poidan aplicar. Ben é certo que no caso de precisar reforzar un destes elementos en particular, sería necesario facer o proceso ao revés buscando un tema apropiado que sirva para traballar este elemento sen metelo á forza con calzador.

Finalmente, nesta primeira sesión coa profesora María Luz Valencia realizamos tamén unha análise das diferentes competencias das que fala o currículo para a materia de linguas estranxeiras. O traballo por competencias inclúe as seguintes:
  • A competencia matemática pódese traballar a través de exercicios de relacionar imaxes con descricións, por exemplo, ou ordeando un texto, traballando as unidades de medida, os números, o diñeiro, etc.
  • A competencia dixital fomenta o uso das TICs. Un punto importante a ter en conta neste apartado é o problema do cyberbullying, os contidos que usamos, os perigos da rede, etc. Os vellos problemas (copiar, por exemplo) adáptanse aos novos medios e son aplicados de xeitos novidosos pero tan fáciles de descubrir coma antes.
  • A competencia de aprender a aprender fomenta a autonomía (o que non implica ser antisocial), e o feito de que cada vez máis non se necesita estar nun contexto educativo para aprender, podemos re-usar estratexias e saber como enfocar novos contextos de ensinanza-aprendizaxe. Na actualidade existe numerosas ferramentas ás que a maioría da poboación ten acceso e que nos poden axudar a aprender autonomamente: materiais online, televisión, dispositivos electrónicos, etc.
  • A competencia social e cívica pódese traballar mediante diálogos, warm-up acitivities, ou o simple fomento de boas actitudes na aula coma que saúden ao chegar, tiren os papeis ao lixo, etc. En xeral, esta competencia tamén buscaría reforzar temas culturais e de respecto.
  • A competencia da educación física non existe como tal no currículo aínda pero é un aspecto moi importante e presente na nosa actividade coma docentes. Entre os elementos que se traballan nesta competencia atopamos: a (psico)motricidade, a coordinación motora, a memoria kinestésica, etc.
  • A competencia de sentido de iniciativa e espírito emprendedor fomenta a creatividade e tamén a autonomía. Debemos ter en conta, neste caso, o risco que ser innovador pode ter e as súas consecuencias á hora de avaliar ao noso alumnado. Non sempre o máis correcto “lingüísiticamente” levou tanto traballo, esforzo ou mesmo aprendizaxe que unha traballo innovador que non foi tan exitoso no que se refire aos seus contidos. Evidentemente sempre hai uns mínimos a esixir no referente aos contidos, pero todo debe ser tomado en conta.
  • A competencia da conciencia e expresión cultural debe centrarse na transmisión da nosa cultura (algo que moitas veces se esquece pola excesiva importancia que se lle da á cultura da lingua estranxeira en comparación coa da lingua nai) así como valorar as outras e as diferencias entre unhas e outras.
Para cada unha destas competencias a profesora mostrounos ou fíxonos levar a cabo un tipo de actividade na que se fomentaría, como mínimo, unha destas competencias. Algúns exemplos foron vídeos ou mesmo o traballo resultante destas actividades realizadas polas/os alumnas/os (videoclips, entrevistas, mini-filmes, etc). En relación a este último punto da sesión, a profesora pediunos que elaborásemos unha actividade na que traballásemos como mínimo dúas competencias a parte da comunicativa. O meu exemplo de actividade pode ser atopado a continuación na pasada entrada que fixen no meu blog.

Un consello final que Luz nos deu foi a importancia de evitar cargar nós, coma docentes, coa maior parte do traballo na aula porque senón elas/es non adquirirán os mesmmos coñecementos, autonomía, etc. O bo sería seguir a técnica MINIMAX: MÍNIMO traballo para o profesor pero dun xeito que MAXIMICE a función docente.

1 comentario: