Na
segunda sesión co profesor Carlos Valcárcel centrámonos nas
variables na situación de ensino das linguas estranxeiras, as cales
inclúen o ensino de linguas estranxeiras a idades precoces, as
linguas estranxeiras na Formación Profesional, no Ensino Secundario
e nas Escolas Oficiais de Idiomas, as linguas estranxeiras para
seniors (normalmente enfocada cara o reforzo da saúde mental dos
maiores) e, finalmente, o castelán como LE. En primeiro lugar
deixouse claro que non debemos confundir os tipos de didáctica cos
tipos de metodoloxía xa que para cada tipo de didáctica existen
diferentes metodoloxías que se poden aplicar. Como actividade
introdutoria do tema pedíusenos que, por parellas ou pequenos
grupos, respondésemos a unha pregunta. Ao noso grupo tocounos a
seguinte: que tipo de didáctica aplicaríamos nun aula de primeiro
de primaria (= alumnado de seis anos)? Todos estivemos de acordo en
que se trataría dunha didáctica enfocada cara a ensinanza de
linguas estranxeiras para aprendentes precoces.
Antes
de comezar co tema fixemos unha actividade da pirámide como na
sesión anterior. Tiñamos que decidir (primeiro por parellas, logo
pequenos grupos e despois todas/os xuntas/os) que tres factores
teriamos en conta en calquer contexto dunha clase de inglés. Os
“vencedores” foron: características das/os aprendentes (idade,
nivel, se hai repetidores, etc.); os recursos materiais e tipo de
centro e o contexto educativo (nivel educativo, número de alumnos,
temporalización, obxectivos, tipo de ensino que se segue no centro,
recursos, etc.). Despois disto dimos comezo a sesión para falar das
tres a principais variables a ter en conta nos diferentes contextos
de ensino: as características do alumnado, as características do
centro docente e os obxectivos do ensino desta lingua.
Comezando
polas características do alumnado debemos tomar en consideración a
súa idade, non só polas diferenzas físicas e psicolóxicas que se
dan a diferentes idades (nivel de maturidade, capacidades cognitivas,
etc), senón tamén polos obxectivos que a aprendizaxe dunha lingua
pode ter a diferentes idades (comparar por exemplo a alumnado da ESO
cun curso de idiomas para seniors). Ademais, a idade e
particularmente importante para o ensino de linguas estranxeiras pois
é ben sabido que hai certas idades ás que estamos máis “abertos”
á súa aprendizaxe (sobre todo no referente a certos aspectos da
lingua como pode ser a fonética e pronunciación), o que non
significa que unha lingua non poida ser aprendida a idades máis
avanzadas. Outro aspecto a ter en conta en relación á idade son as
diferentes etapas nas que se divide o proceso de aprendizaxe dunha
lingua estranxeira.
A
seguinte característica que debemos tomar en conta no referente ao
alumnado é a súa lingua inicial pois esta, cando maior é a/o
alumna/o máis importancia toma como vehículo de transporte para
chegar a lingua meta. O repertorio lingüístico que posúe a/o
alumna/o no momento de partida (e durante todo o proceso) cobra gran
importancia. As similitudes e diferenzas que existen entre diferentes
linguas (linguas aglutinantes vs. analíticas ou romances vs.
xermánicas) poden frear ou favorecer a aprendizaxe da lingua
estranxeira por iso sempre é bo tentar facilitar o proceso de
aprendizaxe mediante a elaboración de similitudes entre ambas
linguas que axuden a súa comprensión. Un concepto curioso e
importante no proceso de adquisición dunha lingua estranxeira é o
da aparición da “interlingua”. Esta constitúe unha lingua
“intermedia”, parte da lingua inicial co obxectivo de chegar a
estranxeira e ten un carácter individual pois cada quen crea a súa
propia e a vai adaptando segundo o proceso de aprendizaxe avanza e
a/o aprendente se vai achegando máis á lingua meta. En relación a
este concepto de interlingua cobra gran importancia o erro. Os erros
marcan o nivel de coñecemento da lingua estranxeira que a/o
aprendente vai tendo e débense tratar con coidado pois non se deben
deixar fosilizar nin corrixir de xeito demasiado estrito nalgúns
casos.
O concepto de erro levounos a realizar a derradeira actividade desta sesión. Por parellas, escribimos cada unha unha oración en inglés con algún erro de calquer tipo que nós escollésemos. A miña compañeira Nerea Pichel e eu escribimos as seguintes oracións: “She play always football the Mondays” e “My dog like to chase her tail”. Como se pode ver a continuación, este foi o xeito que tivemos de corrixirnos:
A
primeira “dúbida” que nos asaltou no momento de corrixir foi que
bolígrafo/lapis empregar. O temido vermello resalta sobre a folla e
axudaría a recordar visualmente cales foron os erros e en que debe
fixarse máis a/o alumna/o para a próxima vez. Sen embargo, esta cor
pode ser tamén “traumática” polas implicacións que ten como
marca clara de erro, fracaso, perigo, etc. Decidimos pois que sempre
é bo usar unha cor que resalte sobre o texto da/o alumna/o pero
intentado evitar o vermello. A seguinte dúbida coa que nos atopamos
foron os tachóns, os cales tampouco deben ser demasiado “cantosos”.
Tamén tivemos que ter en conta algo moi importante, dar feedback ou
unha explicación sobre a corrección dos erros ou incluso suxestións
no caso de que non se cometan erros máis exista outra posibilidade
de facelo de mellor xeito (coma no caso de “her/its tail”). Nós
somos partidarias de dar sempre feedback e explicar as correccións
feitas pero non sempre é aconsellable facelo na propia folla pois
pode resultar complicado de explicar e logo de entender para a/
alumna/o. Ademais, débese reforzar e premiar aquilo que a/o
aprendente fai ben, ou incluso demasiado ben, para o nivel no que se
atopa (mediante cariñas felices, por exemplo). Obviamente debemos
ter en conta a idade da/o aprendente, pois alumnado de maior idade,
adultos e seniors o poden tomar como unha falta de respecto ou unha
burla.
Nun
contexto oral, xurdiu a pregunta de como corrixir os erros, debemos
interromper á/ao aprendente para corrixila/o? Preguntarlle antes que
prefire ela/el? O máis recomendable sempre é non interromper no
momento, aínda así estaría ben preguntarlles a elas/eles, sobre
todo no caso de aprendentes adultos.
No
referente ás características do centro os elementos a ter en conta
serían:
- A gratuidade do centro: privado, público ou concertado.
- A ideoloxía do centro: tradicional ou relixioso, aconfesional, etc.
- A tradición pedagóxica: gramatical ou comunicativa, por exemplo.
- A relación docente-aprendente: sumisión do alumnado á/ao profesor/a ou implicación do alumnado no proceso de ensinanza-aprendizaxe.
- A situación xeográfica do centro e polo tanto do alumnado.
Finalmente, no que se refire aos obxectivos e necesidades educativas do alumnado debemos ter en conta o programa educativo do centro e o currículo. Os tres niveis de concreción curricular (en todos os ámbitos pero para nós en especial no das linguas estranxeiras) polo tanto son:
- As recomendacións europeas (CERL).
- O currículo: a lexislación galega e española.
- O centro docente: o PEC, o PLC e as programacións didácticas dos departamentos.
Como conclusión poderíamos dicir pois que durante a nosa carreira docente imos ter que movernos sempre de didáctica en didáctica, non sempre podendo adoptar unha didáctica xeneralista nin da nosa escolla. Teremos que adaptarnos ao contexto, o cal inclúe, como acabamos de ver, as características do alumnado, do centro e os obxectivos do ensino-aprendizaxe.
Estoy de acuerdo contigo en tu exposición sobre cómo tratar el erro tal y como vimos en clase. Desde nuestra propia experiencia no es nada agradable encontrar una actividad o un examen lleno de rayas, cruces y círculo rojos porque lo primero que piensas es "esto parece una masacre". Pero en cambio, si la forma de corregir es más "amable", usando varios colores u otras técnicas hasta te puedes tomar de una forma positiva las correcciones. Seguramente piensas como yo y a partir de ahora a la hora de revisar una actividad tendrás estas cosas en cuenta :)
ResponderEliminarSi, estou completamente de acordo contigo. Creo que é moi importante corrixir e marcar o erro (escrito, obviamente) sempre xa que o feedback é moi importante para o progreso da/o alumna/o. Sen embargo, coma comentas ti tamén, a cor vermella, polas connotacións que ten, non é definitivamente a máis axeitada para facelo. Outro tipo de cores, máis alegres e sen connotacións tan negativas, poden ser moito máis útiles sen "afundir na miseria" ao alumnado. Outra opción tamén podería ser non tachar os erros senón suliñalos ou rodealos, xa que deste xeito tampouco "doe" tanto ao velos.
ResponderEliminar