Na penúltima sesión co profesor Carlos Valcárcel falamos dun dos aspectos máis importantes e cruciais do noso traballo coma docentes: a avaliación. Nesta sesión centrámonos principalmente na avaliación de cursos presenciais. O primeiro punto a analizar é o dos tres principais termos que nos veñen á cabeza cando pensamos en avaliar: corrixir, cualificar e avaliar. Estes conceptos non son sinónimos e non sempre que realizamos un estamos a realizar tamén os outros. Por exemplo, non sempre que avaliamos estamos a corrixir xa que podemos ou non dar feedback e marcar os erros que atopamos. Tamén podemos avaliar sen cualificar ao alumnado numéricamente. Finalmente, non sempre que corriximos estamos avaliando senón dando simplemente feedback sobre os erros que a/o alumna/o poida ter cometido nun actividade en particular ou simplemente dándolles suxerencias de como mellorar a súa expresión na lingua estranxeira como parte do proceso de ensinanza-aprendizaxe.
Despois desta pequena introdución ao tema, levamos a cabo a primeira actividade colaborativa na aula. Por parellas ou pequenos grupos tivemos que elaborar una listaxe con tres prácticas docentes referentes ao proceso de avaliación que, ao longo da nosa experiencia como alumnado de idiomas, nos parecesen mal, inxustas ou inadecuadas. Xa que é imposible reducir esta listaxe só a tres elementos, expoño a continuación os que eu (e as miñas compañeiras e compañeiros) consideramos máis importantes:
- Profesorado que corrixía erros nos exames de comprensión de textos. Consideramos que debería haber un equilibrio entre as esixencias lingüísticas e de comprensión nun exame ou actividade deste tipo. Se o que nos interesa coma docentes é avaliar a súa comprensión lectora, non podemos penalizalos esaxeradamente pola súa expresión na lingua estranxeira cando vemos que a súa comprensión (que é a destreza que estamos a avaliar) é, como mínimo, suficiente para aprobar.
- Profesorado que non avaliaba todas as competencias, ou non lles daban a mesma importancia a todas elas. En particular, considero que esta é unha característica típica do profesorado máis tradicional que lle da unha enorme importancia á gramática e á expresión escrita e de nada serven as competencias orais de expresión e comprensión.
- De xeito similar ao primeiro punto, aínda que non tan importante, tamén nos parece que nas actividades ou exames de expresión escrita ás veces debería terse un pouco máis en conta tamén o contido, a estrutura e a adecuación do texto realizado polo alumnado ao que se lles pedía. Está claro que a expresión lingüística ten que ser corrixida e avaliada neste caso pero tamén se poderían ter un pouco máis en conta os aspectos que mencionei anteriormente.
- Finalmente, aínda que non por iso o menos importante, senón ao contrario, non especificar os criterios de corrección e avaliación claramente pareceunos, por unanimidade, a peor práctica docente no referente ao proceso de avaliación. Para o alumnado é moi importante saber tanto o que se espera deles ao realizar calquera tipo de tarefa ou actividade, coma os criterios de corrección que se empregarán para avaliala. Moitas/os docentes, dependendo da escola didáctica á que pertenzan non son partidarias/os de dalos. Pola contra, noutros casos, coma no dos docentes que empregan o enforque por tarefas, dar os criterios de avaliación con antelación é aínda máis importante. En relación a isto, tamén nos parece particularmente importante o feedback á hora de corrixir pois de nada serve tachar e marcar erros se non lles axudamos a entender o que está mal e como poden solucionalo e mellorar.
Volvendo ao temario, hai tres aspectos clave a ter en conta para o proceso de avaliación: o tipo de avaliación, os criterios de avaliación e as ferramentas de avaliación. Todos estes aspectos serían concretados por nós mesmas/os coma docentes e debemos ser coherentes na nosa escolla e que cada unha destas tres eleccións se complemente a unha á outra. Do mesmo xeito, existen tres “principios” que se deben seguir no proceso de avaliación para que este sexa exitoso, isto é, debemos acadar un sistema válido, fiable e factible. Debemos asegurarnos de que estamos a avaliar o que foi aprendido e que isto é “representativo” dos coñecementos que adquiriu o alumnado. O resultado que isto nos dea será fiable se obtemos a mesma “nota” para dúas/dous alumnas/os que teñan o mesmo nivel. Por último, este proceso será factible se vemos que é posible polo en práctica, é dicir, se o tipo de avaliación, os criterios e as ferramentas empregadas pódense empregar no tempo do que dispomos e co número de alumnas/os que temos.
Volvendo sobre os tres aspectos clave a ter en conta, imos analizalos un por un. No referente aos tipos de avaliación en relación á persoa que avalía existen tres opcións e cada unha ten os seus obxectivos e vantaxes: a autoevaluación, a coavaliación e a heteroavaliación. Na miña opinión, os tres tipos poden e deben “cohabitar” xa que a información que podemos obter de cada un deles é importante á hora de avaliar globalmente ao alumnado. En canto ao momento de avaliar, existen tamén tres tipos: a avaliación inicial, a formativa e a sumativa. Unha vez máis, as tres son moi importantes e poden e deben complementarse.
Outra pregunta obvia é: que debemos avaliar? É aquí onde cobran importancia os criterios de avaliación e as ferramentas empregadas. Eu resaltaría, ademais, aínda que xa se dea por entendido, a necesidade de ter sempre en conta o nivel da lingua estranxeira do que parta o noso alumnado. Para cada destreza que nos consideremos (recepción oral e escrita e a expresión oral e escrita, por exemplo) debemos establecer uns criterios e unha ferramentas concretas, ademais de ter en conta que o alumnado no ten porqué ter un nivel equilibrado en cada unha delas (algo que adoita acontecer a miúdo). Con todo, sempre debemos tentar traballar e avaliar todas as destrezas xa que todas son importantes á hora de aprender unha lingua estranxeira. Moitas veces, por exemplo, a expresión oral non é avaliada nin practicamente traballada, algo paradóxico tendo en conta que unha lingua é empregada principalmente para a comunicación oral.
Unha última actividade de aula que realizamos nesta sesión consistiu en analizar, en pequenos grupos, unha das unidades temáticas que están no Padlet que nos mostrou o profesor e identificar e analizar as actividades que implican comprensión oral ou escrita e ver como se espera que sexan avaliadas. No meu grupo encargámonos da unidade do libro da editorial Macmillan. Puidemos observar que os exercicios de escoita usábanse para que o alumnado autocorrixira exercicios realizados anteriormente ou para que respondesen a unha serie de preguntas sobre o audio. Do mesmo xeito, os exercicios de comprensión lectora avaliaríanse tamén a través da realización de actividades con preguntas de resposta aberta. Os criterios de corrección por parte da/o docente quedarían, por suposto, da súa man.
No hay comentarios:
Publicar un comentario