A sesión do día 1 de febreiro foi compartida polas docentes Luz Valencia e Ana Fontenla. Durante as dúas primeiras horas tivemos clase con Ana Fontenla, con quen tratamos a famosa metodoloxía CLIL e as implicacións ou consecuencias que esta pode ter nas aulas de inglés (a parte de nas materias que se impartan seguindo esta metodoloxía). “As usual” comezamos cun ice-breaker para “quecer” que consistía en ter que escoller entre dúas opcións e movernos a un ou a outro lado da aula dependendo da nosa escolla. Unha vez tomada esta decisión debíamos comentar as nosas razóns coas/cos compañeiras/os que estivesen no noso grupo. Esta actividade fomenta varias competencias entre as que destacan a lingüística, a social e cívica e a “física”, ademais de resultar bastante útil para aquelas/es que contén cunha memoria kinestésica.
Pasando xa a centrarnos na metodoloxía CLIL, podo dicir que o que máis me chamou a atención sobre os consellos que nos deu esta profesora é que a partires de agora non só temos que contar co alumnado senón tamén co/a docente que se encargue de impartir a materia CLIL. Con isto quero dicir que, a pesares de que se supón que sempre temos que traballar de maneira conxunta co resto das/os profesoras/es do noso centro, neste caso é aínda máis importante que, coma docentes da lingua estranxeira inglés, prestémoslle máis axuda e atención ás/aos nosas/os compañeiras/os encargadas/os da docencia da súa materia seguindo esta metodoloxía. Hai varias razóns polas que isto acontece pero a principal ten que ver con que, a miúdo, a/o docente desta materia non conta cuns coñecementos da L2 verdadeiramente avanzados polo que pode precisar axuda á hora de elaborar materiais e proporcionar recursos ao alumnado ou, pola mesma razón, ela/el mesma/o pode precisar axuda para acceder ou atopar estes materiais para o seu propio uso.
Outro dos aspectos máis importantes a ter en conta é que o alumnado vai ter que enfrontarse a unha materia “completamente” en inglés para a cal probablemente non posúa aínda todos os contidos de vocabulario e gramática necesarios. Aínda que a fluidez pasa a ser moito máis importante que a corrección á hora de expresarse na lingua estranxeira, existen uns mínimos que alumnado debe posuír no referente ao vocabulario e a gramática para poder seguir esta materia. Ana Fontenla comentounos que no seu centro (ata que a lei non eliminou esta hora) ela adoitaba coller as horas de titoría (as que, como ben sabemos, non adoitan ser moi produtivas) para realizar actividades de reforzo de inglés para o seu uso na materia impartida seguindo a metodoloxía CLIL. Deste xeito, as horas de titoría co alumnado da famosa “sección bilingüe” convertíanse nunha especie de curso de “lingua para fins específicos”. Sen embargo, ao suprimirse esta hora coa nova lei LOMCE xa non é posible seguir con esta estratexia de reforzo.
Finalmente, no referente aos contidos e recursos que se poden empregar para a impartición da materia CLIL cada vez contamos con máis materiais que as diferentes editoriais van elaborando conforme esta metodoloxía se vai implantando máis e máis nos centros educativos. Na aula, observamos algúns dos libros que se empregan no IES Carlos Casares para a materia de matemáticas de 3º e 4º da ESO para a sección bilingüe. Hai que recordar, sen embargo, que durante os primeiros anos que se comezou a empregar esta metodoloxía os recursos e materiais eran escasos e a maioría deles tiñan que ser elaborados pola/o propia/o docente da materia CLIL que, con sorte, podía contar coa axuda da/o profesor/a de inglés. O máis importante á hora de preparar estes materiais é analizalos segundo a súa utilidade e se son apropiados para a materia, se encaixan cos obxectivos educativos da materia, se son de apoio e variados, se teñen en conta as “4Cs” (content, communication, cognition and culture), se están completos e son colaborativos e motivantes.
Finalizamos esta primeira parte da sesión con algúns consellos xerais para saber enfocar a nosa futura labor coma docentes e coa petición de que comezásemos a pensar temas de debate para a sesión final con estas dúas docentes.
Na segunda parte desta sesión do día 1, Luz Valencia centrouse nas aulas de PMAR e nas sesións de titorías. Antes de comezar co tema, tivemos a sorte de realizar outra warm-up activity. Neste caso consistiu no xogo dos “threesomes” que consiste en enumerar tres cousas (un lugar de procedencia inventado, un adxectivo que as/os describa e unha cousa que lles guste facer ou comer) que comecen todas pola primeira letra do seu nome.
Empezamos as dúas última horas da sesión falando das horas de titorías e a súa posible utilidade para o reforzo da lingua estranxeira inglés. O certo é que a gran maioría das actividades que se supón que se deben levar a cabo durante as horas de titoría pódense realizar en inglés: analizar e axudar a crear unha boa atmosfera de traballo, desenvolver estratexias de aprender a aprender, excursións extraescolares, etc. Vimos un motón de exemplos de actividades en inglés para realizar nestas sesións e que se centran 100% no que se espera dunha hora de titoría:
- Para reforzar o ambiente da clase e relacións entre o alumnado: actividade para dicir unha cousa boa de alguén que sexa o seu amigo/a e de alguén co que non se leven tan ben e logo lelas en alto na clase.
- Para realizar as avaliacións docentes, das materias e do proceso educativo en xeral podemos elaborar os cuestionarios en inglés. Podemos facelos de diversa índole, atendendo a diferentes criterios que queiramos avaliar, e así poder realizar un cada dúas semanas máis ou menos, por exemplo.
- Organizar os seus horarios das tardes para poder coñecelas/os un pouco mellor e que traballen, por exemplo, o vocabulario das actividades de tempo libre e o present simple e os adverbs of frequency.
- Traballar temáticas sociais como o cyberbullying, a educación sexual, a prevención de alcolismo e drogadicción, etc. Tamén podemos centrarnos en temas cívicos máis xerais como o fomento do ecoloxismo, a reciclaxe, o comercio xusto, etc.
- Traballar co aprendido en visitas e excursións escolares para reforzar o output que obtiveron destas.
- Colaborar coa revista, paxina web ou blog do centro educativo e cos proxectos que poidan estar en marcha en cada momento.
Todas estas actividades son ademais moi comunicativas, case sempre personalizadas e moi minimax. Como vemos, as horas de titorías pódennos ser moi útiles, sobre todo tendo en conta o reducido número de horas que se lle dedican ás linguas estranxeiras no noso país. Aínda así, o problema chega no Bacharelato cando xa non contamos cunha hora específica de titoría.
Pasando ao segundo punto da sesión con Luz, o PMAR (ou Programa de Mellora da Aprendizaxe e do Rendemento), antigamente chamado “diversificación”, é un programa especial para alumnado con necesidades educativas especiais que normalmente conta con alumnado que repetira dúas veces xa entre a primaria e os dous primeiros cursos da ESO. Neste grupo existe moita diversidade, de aí ao seu antigo nome, pois as necesidades que estas/es alumnas/os teñen poden ser de moi diversa índole: problemas físicos de mobilidade ou cognitivos, inmigrantes con problemas de adaptación á lingua ou simplemente ao sistema educativo en xeral por vires dun sistema distinto, alumnado con problemas familiares, sociais ou económicos e, en moitos casos, alumnado con varios destes factores ao mesmo tempo. Debemos distinguir este programa do que sería unha adaptación curricular que estaría máis enfocada á adaptar os “recursos educativos” á certas necesidades particulares do alumnado. Un exemplo sería unha/un alumna/o con audífonos que precisase unha axuda especial (recursos especiais) á hora de facer os listenings de inglés.
A maior parte do traballo que realicemos con este grupo terá lugar na aula pois a maioría delas/es é probable que, debido a algunha das razóns que expuxen anteriormente, non conten cos recursos ou condicións necesarias para poder realizar tarefas de casa. A motivación neste tipo de grupos é moi importante, están cansas/os de escoitar opinións negativas delas/es que baixan moito a súa autoestima polo que apoialos e animalos en todo momento é moi importante. Por este motivo a estratexia de xogar con “premios” e que o pasen ben na aula é clave para manter a súa atención e interese e que así non se rendan tan rapidamente. Debemos estar preparadas/os para afrontar situacións complicadas con elas/es no que se refire ás propias situacións nas que se atopan e o feito de que conseguiremos que poucas/os deles finalmente superen os estudos secundarios. Sen embargo, non podemos deixar de intentalo só por esta razón xa que cun pouco máis de esforzo si que poden sacar os seus estudos e, sobre todo, non debemos deixar que elas/es mesmas/os se desanimen por este motivo.
No que se refire á aula de inglés en particular, como vimos dicindo en todas as sesións, os contidos e actividades que preparamos pódense aplicar a case calquera nivel. Por este motivo as actividades e tarefas que sigamos co grupo de PMAR non teñen que ser moi diferentes, o que vai cambiar vai ser o nivel de esixencia nas cousas que lles pidamos. Van ser unhas sesións probablemente máis lentas e nas que se traballen moito máis as cousas, durante máis tempo, pero podendo alcanzar os mínimos obxectivos que buscamos. Tamén debemos contar cunha programación aberta xa que neste tipo de grupos, debido a posibles carencias que teñan, pode ser necesario pararse máis da conta nalgúns puntos e isto son cousas que só se poden ir decidindo sobre a marcha. Ademais, no referente aos contidos neste caso debemos seguir aquilo de “lo bueno, si breve, dos veces bueno”, é dicir, é mellor que os nosos obxectivos sexan máis reducidos pero que o que consigamos que aprendan, aínda que básico, quede o mellor aprendido posible.
Un resumo moi exhaustivo dasd dúas partes da sesión.
ResponderEliminarTen coidado cos false friends! "Atmosphere" é "ambiente", neste caso non atmósfera. Con frecuencia se atopa este término mal usado.
Gracias Luz! Xa sei que é ambiente pero de usalo en inglés, como a palabra existe en español, sempre se me cuela.
EliminarVuelvo a comentarte que demuestras no perder detalle en las sesiones. Sólo una puntualización, no era la hora de tutoría la que utilizaba para trabajar con los chavales de las secciones bilingües, sino la de atención educativa, pero la idea es la que tú expones.
ResponderEliminarMe parece super interesante lo que dices sobre las tutorías! Mis felicitaciones
ResponderEliminar